07/03/24

Mensaxes de amor


 As consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e de Política Social e Xuventude, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, convocan #LinguaDeNamorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.

Obxectivos

Dinamizar o uso da lingua galega entre as mozas e mozos nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Características das mensaxes

As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Persoas destinatarias e categorías

Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.

Establécense tres categorías de idade:

• Categoría A: de 14 a 19 anos

• Categoría B: de 20 a 35 anos

• Categoría C: de 14 a 35 anos

Procedemento de participación

No caso das categorías A e B:

Para enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.

Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.

No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):

Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Prazo de presentación

A data límite para enviar as mensaxes é o 1 de abril.

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.