A pesar das vacacións (ou precisamente por iso), o equipo do Blog da Biblioteca segue a rescatar materiais, vellos só no tempo. Como este ano, os alumnos de 2º de ESO do curso 2005-06 visitaron o obradoiro de instrumentos tradicionais que ten Xaneco Tubío en Outeiro de Rei, onde coa dedicación e amabilidade de sempre, lles mostrou os instrumentos que fabrica e a maneira de construílos e tocalos.
Naquela ocasión, tres alumnos (Noemí Cobas, Carlos Díaz e José Luis González) volveron para lle facer ao luthier a seguinte entrevista:
PREGUNTA.- Con cantos anos comezaches a facer instrumentos?
XANECO.- O primeiro tambor que fixen debeu ser por aí aos vintedous anos.
P.- Foiche difícil facer a túa primeira pandeireta?
X.- Pois si, porque eu no tema dos instrumentos de percusión fun completamente autodidacta, non fun a xunto de ninguén aprender como se viraba a madeira, como se elaboraba unha pandeireta. De feito, coas primeiras tiña un conflito, porque non me saían completamente redondas, ata que fun mellorando a técnica.
P.- Cal é o instrumento que máis tardaches en saber facer?
X.- A zanfona. Desde que me propuxen facer a primeira ata que rematei, foi un proceso de investigación, de coñecemento de instrumentos antigos, de lectura da bibliografía que hai, sobre todo francesa e inglesa; e despois houben de asistir a un par de cursos, un da Deputación de Lugo, e outro do luthier Xermán Arias de Sarria. Con iso completei as nocións mínimas para facer a primeira; despois, evidentemente, segundo vai pasando o tempo vas mellorando a técnica e mellorando os instrumentos.
P.- Tes músicos na familia?
X.- Na actualidade non, mais teño dous tíos avós que eran músicos. Eran de Bonxe, e alí naquela época había unha banda de música.
P.- Cal é o instrumento que mellor tocas?
X.- O que mellor domino é a percusión tradicional galega. Tanto o tamboril como a pandeireta, se cadra son os que mellor se me dan.
P.- E o teu instrumento favorito?
X.- É difícil de dicir, porque teñen o seu engado. A zanfona polo misticismo que pode ter, polo feito de ser un instrumento medieval, que practicamente se constrúe igual que hai cincocentos ou seiscentos anos, e polo son que ten, xa que é un dos instrumentos que máis soan a Galiza, tanto ou máis que a mesma gaita.
P.- Que coñecementos cres que fan falta para facer un instrumento?
X.- O primeiro é sabelo tocar. Non é preciso ser un virtuoso, pero si tes que saber como funciona, como afina, como debe soar. A miña profesión de artesán de instrumentos, ou de luthier ten moito que ver coa opinión que teñen os músicos dos instrumentos que saen do taller. Un músico profesional sempre che vai ir indicando as posibles melloras que lle podes facer ao instrumento, e ti tes que contrastala cos teus coñecementos sobre el.
P.- Cal é o instrumento que máis tempo che leva facer?
X.- Sen dúbida, a zanfona. A zanfona pódeme levar arredor de dous meses de traballo no obradoiro.
P.- Cal é o instrumento que máis che encargan?
X.- Os tamborís.
P.- Podes vivir de construír instrumentos?
X.- Si. Eu levo dez anos co obradoiro dado de alta en Facenda, e vivindo exclusivamente de facer instrumentos.
P.- Cal dos instrumentos che levou máis tempo aprender a facelo?
X.- Bueno, dende que me propuxen facer o primeiro ata que montei o taller pasaron moitos anos, e neles non me adiquei só a investigar sobre a percusión senón que o fun compaxinando con outras facetas da vida, mesmo coa profesión de carpinteiro. A zanfona levoume, como vos dixen, tres ou catro anos; e a percusión, se cadra, máis. Tamén vos quero dicir outra cousa: nesta profesión non é que aprendas a facer tambores e bombos para despois repetilos, sempre igual, senón que tes que estar continuamente en contacto cos músicos, coas necesidades que eles van creando.
P.- Ti cres que poderías facer o teu propio grupo de música tradicional aquí en Outeiro?
X.- Eu teño certa vinculación con Outeiro, porque os grupos cos que toco durante certo tempo fixeron os ensaios aquí. Se te refires a formar un grupo con xente de Outeiro, non coñezo moita que saiba tocar instrumentos de música tradicional a un nivel profesional para poder manter un grupo. A non ser que veñan outras xeracións, como a vosa, na actualidade non o vexo moi factible.
P.- Onde consegues os materiais para facer os instrumentos, como a madeira e as peles de cabra?
X.- A madeira nos aserradeiros de aquí; trato de facer os instrumentos con madeiras autóctonas, como facían os nosos ancestros, porque penso que están adaptadas ao medio. E as peles de cabra estoullas pedindo a un curtidor tradicional, un señor de Noia, vila onde era unha industria moi potente na primeira metade do século XX. Hoxe xa só queda este home, que está practicamente retirado.
P.- Pedíronche algunha vez un encargo especial?
X.- Si. Por motivos decorativos, pedíronme nalgunha ocasión que a algunha peza lle fixese algunha incrustación especial ou algunha talla referida a algún tema, como hai dous anos, cando fixen unha zanfona con adornos mudéxares para Teruel, centro importante desa cultura. Logo, tamén reproducións de instrumentos antigos, e hai pouco uns tambores, tres veces máis grandes do normal, para un espectáculo que hai na Coruña chamado A Nova Danza Galega.
P.- Pensas ampliar os teus coñecementos e facer gaitas e violíns?
X.- Gaitas, non: non están dentro das miñas previsións, porque eu o fago todo de xeito artesanal, non teño máis xente traballando aquí comigo, e complicaríame a vida, xa que neste momento coas zanfonas teño unha lista de espera dun ano desde que me encargan o instrumento ata que o entrego. Para os violíns requiriría parar de producir e facer unha aprendizaxe, porque é un terreo moi difícil e moi específico.
P.- Sempre che gustou a música?
X.- Si, sempre me gustou, e cando tiña 14 ou 15 anos tiven a oportunidade de entrar nun grupo de gaitas que había aquí en Outeiro; despois coñecín outra xente e empecei a tocar en distintos grupos.
P.- Poderías máis adiante dar clases de zanfona?
X.- Noutros tempos dei clases de percusión, pero hai un tempo que deixei de dalas porque non me era compatible. Estamos intentando, un grupo de xente e máis eu, que en Lugo haxa clases de zanfona o ano que ven.
P.- Canto che veñen custando os materiais para facer cada instrumento?
X.- Arredor do 25% do prezo final do instrumento.
P.- Canto pode custar unha zanfona?
X.-Depende dos adornos que se lle poñan. Varía desde o 1.500 euros que custa unha de estudo ata os 4.000.
P.- E os de percusión?
X.-Os tamborís entre os 300 e os 500 €. As pandeiretas son máis baratas, de 50 a 90 €.
P.- Pensas que a música tradicional é máis importante agora ou antes?
X.- Desempeña distinto papel. Antes os músicos tradicionais amenizaban todas as festas, polo menos no medio rural; non había máis música que a que se tocaba en directo. Hoxe hai máis músicos, escolas de música e asociacións culturais que se ocupan de manter e apoiar a música tradicional.
P.- Que lle recomendarías a quen queira aprender a tocar un instrumento de percusión?
X.- Que o tome con paciencia e con cariño, porque aprender a tocar un instrumento non é como aprender a andar en bicicleta, que sempre queda o aprendido. Nisto, se non o practicas, retrocedes, e mesmo podes esquecer como se toca. O que si é certo é que dá moitas satisfaccións porque permite coñecer outras xentes e outros sitios.
P.- Que habería que facer para darlle máis importancia á música tradicional?
X.- Tratar a súa aprendizaxe con normalidade, darlle carácter oficial como se lle dá a outros instrumentos, como o violín, o clarinete e outros; xa que un músico que toca a gaita fai un traballo de dificultade semellante a calquera outro músico, ha de ter a mesma importancia e recoñecemento ca os máis.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Compromisos
Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario