25/06/12

Un verán de libros, cine e música

Despois dun arduo traballo, nada mellor que un descanso reparador.  Unha selección de lecturas, películas e música para acompañar este tempo que comezamos. Misterio, amor, acción... narrativa, poesía...  zarzuela, ópera, jazz... para descansar, soñar, pensar, voar...  Para saber máis, pica sobre a imaxe.
Que os disfrutedes!!!

20/06/12

Resumo final préstamos 2011-2012

Remata o curso e facemos balance. Estas son as cifras: Incrementouse positivamente un 23% o préstamo de libros, un  37% o de audiovisuais e, en total, un 24%. O equipo da biblioteca está satisfeito coa melloría rexistrada e agarda poder dicir o mesmo o vindeiro curso. Felicitamos a toda a comunidade educativa, pois, sen dúbida, é un logro acadado coa contribución de todos. 

08/06/12

Laxeiro. "Cosmoloxías"

Ven de inaugurarse na sala de exposicións sita na Capela de Santa María en Lugo unha mostra de obras figurativas do pintor Laxeiro dos anos 50, 60 e 70,  procedentes de coleccións particulares de España e Portugal. Trátase de 24 óleos sobre tea dunha época na que o artista vivía en Bos Aires, onde tivo contacto con correntes procedentes de Francia e Centroeuropa que o achegan ao expresionismo, ao informalismo  ou ao negrismo de autores españois como Goya ou Ribera.
Laxeiro foi un membro destacado dos Renovadores da Vangarda Histórica Galega, autor de lenzos cunha gran forza expresiva, como pode apreciarse na imaxe.


A mostra, gratuíta, estará aberta ata o 20 de xullo, de luns a venres de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00; sábados de 17:00 a 20:00 e domingos de 11:00 a 14:00 horas

07/06/12

O labirinto do vento

Tal é o título do relato vencedor da categoría dos máis novos, escrito por María Ramil Díaz, de 2º de ESO, e que vos invitamos a ler agora:


- Avoa, avoa! Cóntasnos un conto?
- Claro que si, netiños meus. Vouvos contar unha historia que me ocorreu hai moito tempo. Non podedes contarlla a ninguén, vai ser o noso segredo:
“Sería ó redor do 1996 cando eu aínda era unha rapaza fermosa de dezaseis anos. Como se achegaba o día das Letras Galegas, no instituto dérannos uns días de vacacións, que eu ía pasar cos meus pais, en Galicia, na casa dos meus avós, no Courel. Todas as mañás ía mercar o pan á panadería de Manuel, co que fixen moi pronto amizade e non tardou en presentarme ao seu fillo Daniel, que tiña un ano máis ca min. Pronto nos fixemos amigos e unha tarde decidimos ir dar un paseo polo bosque. Cando xa levabamos andado bastante, paramos a sentarnos para merendar. Eu sentíame xenial, adoraba aquel olor a herba fresca, respirábase unha tranquilidade inmensa ata que, de pronto, comezou a facer vento. Cada vez máis e máis forte. Ao chocar contra as árbores parecía que nos dicía algunhas palabras soltas. Parecía que nos chamaba. Nós, o que fixemos foi deixar todo no chan e seguir o vento ata que nos levou a estar diante dunha gran mansión branca. A nosa curiosidade era máis forte ca o medo que se intentaba apoderar do noso corpo. Achegámonos á porta e petamos. Ninguén contestou. Abrimos a porta e entramos. Nada máis dar tres pasos a porta pechouse. Intentámola abrir pero foi imposible. Todo escureceu. Paralizados polo medo, o que fixemos foi agardar en silencio ata que vimos un punto de luz que se achegaba a nós e tomaba a forma dunha rapaza diminuta. Era imposible crer o que estabamos vendo pero aquilo era real.
-Ola rapaces. Cales son os vosos nomes?
Nós, temerosos e desconfiados, dixémosllos.
-Daniel e Clara. Benvidos ao Labirinto do Vento. Isto consiste nunhas probas que teredes que superar se queredes marchar con vida. Os Supremos, criaturas malévolas que crearon esta mansión co fin de atraer a persoas para que participen nas tres fases a vida ou a morte, son os espectadores. Aquí tedes tres portas, cada unha levaravos a un lugar diferente. Unha vez dentro non poderedes marchar se non atopades a saída. Aquí tedes a primeira porta. Se conseguides superar a proba que vos agarda, teredes que facer a seguinte ata chegar á final. Que a sorte se poña sempre do voso lado.
Ao acabar de dicir isto desapareceu. Daniel e mais eu estabamos asustados e moi confusos. Non tiñamos opción; deberiamos pasar as tres probas se queriamos marchar con vida. Finalmente, abrimos a primeira porta. O que vimos foi un bosque cheo de árbores xigantescas que nunca víramos. De súpeto unhas bólas de lume botáronse sobre nós. Comezamos a correr intentando esquivalas todas. Unha delas conseguiu pasarme tan preto da cabeza que me queimou as puntas do pelo. Cando pararon de vir sentamos no chan; estabamos moi asustados. Pronto pensei que se quería estar viva máis tempo debía de ser forte e lista. Non sabiamos canto tempo íamos botar alí polo que o primeiro que se me ocorreu foi buscar un río, porque sen auga non durariamos moito e supoñía que tería que haber un, porque os Supremos non quererían ver como morriamos deshidratados. Non sería un bo espectáculo. Non foi doado encontralo. Pola noite, Daniel e mais eu tiveramos que durmir abrazados, para darnos calor. Se faciamos lume os seres que habitaran nesas terras encontraríannos facilmente. Pola mañá, espertounos o ruído das bólas de lume ao vir por nós. Corremos seguindo o río cara ao norte. Alí tiña que estar a saída. As bólas de lume eran moito máis grandes e alcanzaron o brazo de Daniel. Seguimos correndo e xa viamos a porta que nos levaría á saída cando as bólas cesaron. Daniel estaba moi mal. Non se podía mover e non o ía deixar, así que fun na procura dunhas herbas que aliviaran a dor. Cando as tiven mastigueinas e despois de crear unha pasta, apliqueina sobre o brazo de Daniel, que axiña notou unha mellora. Tiveramos que botar alí unha noite máis, polo que seguir o río fora moi boa idea. Pola mañá collémonos da man e cruzamos a porta.
-Moi ben rapaces– era aquel ser con ás –poucos lograron superar a primeira proba. Clara, fuches moi lista ao buscar auga. Por certo, eu son Effie. Non son un Supremo. Poderíase dicir que son a vosa amiga. A miña misión é axudarvos a gañar para poder ascender. Desexo ser unha ninfa de auga. Ben...non perdamos tempo, púidenvos conseguir isto, agora atravesade a segunda porta e que a sorte se poña sempre do voso lado.
Effie déranos unha mochila. Collín a Daniel da man e atravesamos a segunda porta.
O que vin impresionoume. Unha paisaxe totalmente desértica. Collemos as mochilas e miramos o que tiñan: un mapa onde aparecía a saída, unha botella para auga sen auga (recordo que ao vela non puiden evitar deixar escapar un sorriso), un saco de durmir, unha corda, e un coitelo. Collemos o mapa e emprendemos a viaxe. Todo estaba demasiado tranquilo. Primeiro fomos buscar auga. Pero no mapa non viamos ningunha indicación de onde podía haber algún río ou lagoa. Ata que de súpeto reparei nun cácto. Collín o coitelo, abrino con coidado e recollín a auga que tiña dentro. Cando ía facer o mesmo co seguinte, vimos como detrás de nós aparecían uns seres enormes que semellaban ser lobos pero moito máis grandes. Algo que nunca vira. Corremos todo canto nos permitiron as pernas ata que unha xigantesca pedra bloquearon o noso camiño. Daniel acordárase ca corda. Utilizámola para poder subir a pedra e aqueles seres, ao esvarar pola pedra, non puideron subir. Estabamos moi cansos polo que decidimos acampar. Por sorte tiñamos ao lado unha planta de vallas, que foron a nosa cea, e tivemos que restrinxir a pouca auga que puidera conseguir. Pola noite fixo moitísimo frío. De non ser polo saco de durmir morreriamos conxelados. Pola mañá emprendemos a viaxe. O vento arrastrábanos cara atrás polo que dificultaba o noso avance.
Puidemos chegar ao final do deserto. De non ser por todo o que Effie nos dera non seguiriamos con vida. Cruzamos a porta. Ao outro lado estaba Effie esperándonos, orgullosa de nós. Díxonos que estaba contentísima de que nós foramos os participantes que lle tocaran. Soamente dúas parellas chegaran a pasar a segunda proba.
-Grazas Effie de non ser por todo o que nos deches non estariamos agora aquí, estamos en débeda contigo.-díxenlle.
-Só conseguín iso porque aos Supremos gustoulles o listos que fostes e me concederon o permiso de ofrecervos u ha axuda. Se non quixeran que estivésedes na última proba non estariades agora falando aquí comigo. Só vos queda a última. Ánimo, quérovos moito pero teño que dicirvos que para esta proba dará igual o listos, fortes e rápidos que sexades. Recordade, actuade de corazón e non vos pasará nada. Temo que agora non vos podo dar ningunha axuda. Estareivos esperando aquí. Sei que o lograredes. Que a sorte se poña sempre do voso lado.
Cruzamos a porta. O que vimos fíxonos estremecer. O ceo estaba escuro e diante de nós só había unha entrada que levaba a un labirinto. Entramos, pero a Daniel absorbérao unha néboa e separárao de min. Eu avancei durante horas sen rumbo. Sentíame mal, mareada pero tiña que conseguir pasar a proba. Pronto comecei a ter sede e non puiden evitar pensar en como estaría Daniel. Botara dous días sen durmir, estaba cansada e famenta cando, de pronto, vin un vaso con auga e un anaco de pan. Corrín con forzas sacadas de onde non había e, cando ía comer o pan, vin a unha meniña chorando apoiada nos muros do labirinto. Achegueime a ela e díxome que levaba alí moito tempo, sen comer nin beber. Se eu non comía aquel pan e bebía aquela auga morrería, pero dinllo todo aquela nena a pesar de que sabía que o meu tempo se esgotaba. O labirinto encheuse dun vento que me envolveu e me deixou sen sentido. Ao espertar tiña diante a Daniel tirado no chan. Corrín a espertalo. Pensamos que fora todo un soño pero de camiño a casa, na pola dunha árbore, vimos a Effie .”
-Vaia, avoa, que cousas che pasan!!!! E... E aquel rapaz era o avó Daniel?
-Si meus netiños da alma, si que o era.

A raposa Carolina


A Laura María Fernández Pardo, de 2º de ESO, correspondeulle o segundo  premio na categoría dos máis novos no concurso das Letras Galegas convocado polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística. O seu relato, A raposa Carolina, podédelo ler a seguir:




No ano 2345 comezou a era da extinción por mor dos seres humanos; os animais loitaban por sobrevivir, reproducirse, comer…
Por iso vouvos contar a historia dunha raposiña amiga miña; Carolina era una raposa que pasaba os días morta de aburrimento na sua cova.
-Hoxe vou saír cazar e se cadra como algo máis ca coellos silvestres. Se cadra como una ovelliña, que hai ben anos que non como, ou se cadra atopo un amigo, outro dos meus.
-Agora non é coma antes-dixéralle o seu avó antes de morrer- a nosa é a última familia de raposos da zona. Cómpre que vos afastedes dos humanos, buscando a forza do grupo. Antes fomos os reis: eramos temidos e respetados. Os humanos tíñannos medo e ata nos inventaban lendas.
Daquela Carolina aínda era una cría, agora estaba soa e aburríase moitísimo. Saíu da cova e percorreu algúns quilómetros. Preguntou por aquí e por alá pero ninguen vira nunca un animal coma ela.
Pero, outro día, atoupouse cunha lagarta falangeira que se parou un cacho longo a falar con Carolina.
Díxolle que, había xa moitos anos, vira un raposo coma ela e que aínda tiña que estar vivo a non ser que o mataran os humanos.
Carolina preguntoulle que onde fora iso e si lle podía indicar o camiño.
A lagarta indicoulle por onde se ía e, se se perdía, por que nome tería que preguntar. Advertiulle que non vaixara para nada ao val porque alí é onde está a aldea donde vivien os humanos.
Carolina deulle as grazas e foi correndo ata a sua cova para preparar unha mochila para o camiño. Estaba moi cansa e cando remartou de preparar a mochila deutouse un anaco e rematou por adormecer.
Ó día seguinte colocou a mochila no lombo e ollou para as terras que lle quedaban atrás, que eran as da súa infancia.
Parou un anaco para conter as bagoas e continuou o seu camiño. Andou moitos e moitos quilómetros. E, así, pasou días e días atravesando montañas, montes…
Un día sentíu un cheiro a animal: Dún salto subiu a un alto e, ao lonxe, puido ver un lugar con casiñas de pedra. Uliscou de novo e dixo:
-Chéirame a ovella, a años andan alá ao fondo
Agardou a que fora de noite e baixou. Pillou un año e marchou con el pero non con mala intención senón para poder calmar a sua fame.
Cando volveu para coller outro año xa non estaban; seguiulles o rastro e chegou ó lugar onde estaban as casas dos homes.
Cando xa marchaba viu diante un humano, Carolina regañou os dentes ameazadora pero el levaba una escopeta e apuntoulle.
Intentou correr pero quedara inmóbil.
Carolina puido escapar coa pata ferida pero non moi lonxe, estaba atontada e a pata doíalle moito. Laiou un pouquiño para non pensar na dor.
Unha nena humana chamada Loreto oíu a queixa e mirou no medio dos fentos, alí atopou un animal ferido.
Ao velo Loreto preguntoulle:- E ti que es?
Ao que Carolina contestou: -Eu son Carolina e marchei da miña fraga buscando outros animais coma min para non me extinguir.
Loreto tamén se presentou: -Eu son Loreto, a única nena da vila. Se queres, pódoche traer comida mentras non te recuperas .
Carolina aceptou e Loreto estívolle a levar comida mentres Carolina se recuperaba.
Cando Carolina se recuperou, colleu a mochila e escapou de entre os fentos.
Enseguida uliscóu A Comiña de Brubos que era o nome do lugar que lle indicara a troita, quedou un anaco quieta pero enseguida voltou a correr.
Viu una cova e meteuse nela ,ouveou e contestáronlle; logo viu un ser semellante a ela. ¡Atopara outro dos seus, outro raposo!

05/06/12

As crónicas do Pazo

No Certame das Letras Galegas que convoca o EDNL do noso Centro, resultou gañador o relato titulado As crónicas do Pazo, escrito polo alumno de 4ºA José Antonio Folgueira. 
Aquí o tedes:

Dende aquela habitación podíase oír o impetuoso asubío do vento, tan agudo e estridente como de costume, ou iso lles pareceu aos alí reunidos. Nin aquelas anchas paredes de pedra que tantas inclemencias soportaran, durante tantos anos, eran o suficientemente fortes como para reprimir o berro insoportable daquel fenómeno atmosférico. Bastaba con retirar as finas cortinas de encaixe e acaroarse a aquelas fiestras tan amplas para ver como as escuros nubarros do horizonte anticipaban a chegada daquel trebón inminente.

Asemade, a chama dunha vela comesta loitaba por sobrevivir no medio da mesa, iluminando as facianas dos presentes. Non tardaría en amencer e todo o mundo procuraba ocultar o cansazo que o desvelo nocturno lles ocasionaba. De feito, eran moitos os que, borboriñando disimuladamente, conseguían evitar os desagradables efectos da falta de descanso. Por outro lado, calquera podía decatarse de que, a miúdo, todas as miradas da sala confluían nun punto común. Naquel recuncho, illado da masiva congregación e en constante penumbra, salientaban as figuras esvaecidas de tres mulleres, unha delas, a de maior idade, sentada nunha retorneada cadeira. De súpeto, a que, de primeiras, semellaba ser a máis nova, inclinouse levemente para acceder á orella dereita da que estaba sentada, e musitou en voz baixa: 

Sabes que hoxe teremos visita. 

Sei –contestou un pouco desairada. 

Ti coñecíchela, verdade? – interrompeunas, instintivamente, a que antes ficara calada. 

Non. O certo é que ela non se levaba moi ben co voso defunto avó e nunca se atreveu a vir ao pazo. 

Despois seguiu un incómodo silencio, pois as circunstancias así o esixían.

A totalidade da servidume permanecía queda no xardín sito ao carón da casa. Todos se distribuíran en varias filas, con tal precisión, que mesmo semellaban seren soldados en formación á espera de novas ordes. Unha suntuosa carruaxe avanzaba, xa, polo camiño que ía dar ao patio do casarío, ao tempo que aumentaba a tensión entre os membros do grupo. Ao deterse o vehículo, o leve orballo que acompañara ao servizo na súa espera intensificouse, de tal xeito, que un dos criados se precipitou a abrir a porta do coche de cabalos. Entón, asomou do interior unha man osuda que apenas lograba agarrar, a causa da artrose, o ombreiro do apurado servente. Cun pouco de axuda, aquela muller, xa entrada en anos, conseguiu apoiarse no chan do patio. Nisto, e facendo uso dun elegante báculo e dun discreto paraugas, aquela señora comezou a andar con tal celeridade que ninguén podía dar creto do que vía. Tras atravesar a porta principal, saíronlle ao camiño tres mulleres, as mesmas que, tan só unhas horas antes, tiveran aquela breve e inconclusa conversa. A visitante, posuída por unhas présas incontrolables, non detivo a súa traxectoria e atravesou toda a mansión ata alcanzar unha pequena porta de madeira. Dentro atopou un pobre home, bastante desgastado pola enfermidade, e abrazouse a el sen poder conter un par de bágoas: era o seu irmán. Pouco despois, o desafortunado moribundo sentiu uns pasos e, a través da porta, puido ver como chegaban ao dormitorio a súa muller e as súas dúas fillas. A familia estaba reunida de novo.

O día tocaba á súa fin e a tormenta ía perdendo, paseniño, a forza gañada durante aquela axitada xornada. A filla máis nova do marqués estaba preparándose para a cea que tería lugar, pouco despois, no comedor familiar e non puido evitar debruzarse no peitoril dunha das ventás da habitación, co fin de albiscar, naquel ceo que, por intres, se despexaba, as primeiras estrelas da noitiña. Nese momento, entrou a súa tía na habitación, deixándoa atónita. Ela pasara toda a tarde a carón do pai da rapaza, o seu irmán, e precisaba, case con urxencia, dunha persoa que a puxera ao tanto do que, naquela casa, acontecía. Estiveron case un cuarto de hora conversando, nun ininterrompido diálogo, onde eran frecuentes as referencias á estraña enfermidade respiratoria que padecía o marqués, o cal, preocupado por unha morte prematura, acelerara os preparativos do casamento da súa primoxénita. Certos comentarios da sobriña delataban a súa oposición á futura voda, a causa do amor clandestino e recíproco que ela lle profesaba ao pretendente da súa irmá. 

O mozo acababa de saír da habitación do marqués, cando chegou a muller deste. Ela non tardou en percibir no confuso aceno do seu marido, a preocupación que o encontro previo lle provocara. Daquela, foi cando el lle contou o sucedido. O rapaz viñera pedirlle a man dunha das súas fillas, pero non a da máis vella. O marqués aínda non aceptara o trato, xa que antes quería saber o que esta opinaba do asunto. A súa dona, consciente da posibilidade de que a irmá maior quedase solteira (posto que o seu tempo de muller casadeira se estaba esgotando), aseguroulle que xa se decatara da relación que estes mantiñan en segredo e que, en consecuencia, falara coa súa filla menor por se ela estaría disposta a casar; mentindo, asegurou que se negara rotundamente. Posteriormente, deixouno só e ordenou á servidume que pechase a porta con chave e que non permitise que Xoana, a filla máis nova, acudise a aquela ala da casa. Decidiu que esta tiña que marchar da mansión de inmediato, e ocorréuselle que fose coa súa tía a Inglaterra: despois de todo os médicos notaran certa melloría no estado do seu esposo e a súa cuñada acordara embarcarse para alí o antes posible; o seu home era xa un ancián e necesitaba dos seus coidados.

- Ata nas grandes casas, a verdade se acaba sabendo – pensaba Xoana.

O mordomo do pazo, que se encargara de instruíla na nenez, contáralle os plans que a súa nai tiña para ela. Xoana pensou que, para non levantar sospeitas, o mellor era enviarlle unha carta ao seu namorado. Con sorte chegaría a tempo para que impedise a súa marcha e formalizase o acordo nupcial. O tempo corría na súa contra e a súa tía, encirrada pola marquesa, adiantara a data de partida da mansión.

Diego estaba na sala cando chegou o mordomo. Desafortunadamente, Xoana dirixíase ao peirao acompañada da irmá de seu pai; chegaba tarde. O mordomo tranquilizouno e díxolle que o barco aínda tardaría unha hora en alcanzar a costa; isto dáballe unha marxe de tempo importante. Cando se dispoñía a marchar, unha man asiuno con forza polo cóbado. Era a marquesa.

Un calafrío percorreu de súpeto o corpo da rapaza, poñéndolle a pel de galiña. Aquel buque, de grandes dimensións, sucaba, engorde, as cristalinas augas da ría e a súa proa xa era visible a través do branco velo que a brétema atlántica tecía sobre o mar; un mar que contra todo prognóstico, estaba máis quedo que de costume. Un acto reflexo obrigouna a mirar cara a terra que deixaba, aquela terra que tanto recordaría, un símbolo da infancia e a xuventude perdidas. Miraba para atrás e o único que vía era un extenso conglomerado de persoas, que, como ela, compartían aquel abafante sentimento de morriña e de angustia existencial. Daquela, un home atravesou todo o xentío ata alcanzala; recoñeceuno, era o condutor da carruaxe de Diego. Díxolle que el a esperaba no coche de cabalos e non dubidou en correr á súa beira. A tía mirouno inquisitiva e este rosmoulle ao oído algo que a deixou de pedra. 

O pesado caxato de madeira que vigorosamente a sostiña caeulle da man, provocando un son tan oco que a fixo estremecer. Un extenso baleiro medraba rapidamente no seu interior, un baleiro que lle resultaba insoportable. Aquilo non podía ser verdade, negábase a crelo. O seu irmán non podía estar morto, aínda non.






16/05/12

Letras Galegas 2012

“A imaxe do que unha lingua foi ou deixou de ser no percurso das edás, non se debera interpor na comprensión do seu destiño”
O porvir da lingua
No Día das Letras Galegas, honramos este ano a figura de Valentín Paz Andrade, avogado, xornalista, poeta, home de empresa e vencellado á política, cuxo obxectivo foi traballar por e para Galicia.
Para información exhaustiva, entrar aquí.

14/05/12

Boletín de novidades

As últimas adquisicións da nosa biblioteca van esta vez nun novo formato dixital. Permítenos mostrar unha información máis completa sobre cada título e, ó mesmo tempo, contribuir á conservación do entorno.
Con este boletín achegamos un abano de posibilidades para o longo tempo de lecer que cada día está máis cerca. Esperamos que poidades facer bo uso del.

Pica sobre a imaxe para entrar.

29/04/12

Mochilas viaxeiras


   Neste trimestre puxemos en marcha as mochilas viaxeiras no 1º curso da ESO. Trátase da experiencia de fomento da lectura que tantas outras bibliotecas escolares galegas teñen en marcha para posibilitar que as familias compartan unha variedade de fondos de todo tipo: películas, cómics, revistas, libros para o alumnado e libros de interese para as nais e pais. 
   O préstamo funciona conforme a unhas bases que figuran no caderno que se adxunta, baseado no que xenerosamente nos pasou Loly Lago. Nel figura un contrato polo que alumnos e pais se comprometen a coidar e repoñer, se fora o caso, os fondos e o seu soporte e tamén se adxuntan unhas páxinas para suxerir melloras e expresar a opinión sobre a actividade .
   Até o momento a acollida é boa e a colaboración por parte das familias tamén. Será preciso agardar un tempo para sacar máis conclusións.

26/04/12

Encontros de Bibliotecas Escolares

                                                  Imaxe da exposición de traballos

O pasado venres, 20 de Abril, celebrouse unha nova edición da xuntanza das bibliotecas esolares de Galicia; nesta ocasión, os responsables da 4ª, 5ª, 6ª e 7ª convocatoria. (Cantos somos xa!!!)
Como sempre, foi unha boa ocasión para renovar e recargar as enerxías que, especialmente este curso, non andan moi sobradas.
Cun programa tan interesante, sería imposible decantarse por algunha das intervencións.  Elena Martín (Facultade de Psicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid) formulou as súas hipóteses sobre Aprender a aprender, unha competencia básica desde a biblioteca escolar, con gran claridade e inxenio. José Antonio Millán (escritor, editor e lingüista) disertou sobre A lectura sen libros, con rigor e moi bo sentido do humor. Ambas ponencias foron amenas e do maior interese no momento que estamos a vivir nas bibliotecas escolares.
En canto ás experiencias de centros, exemplar a de Benigno Nerga, do IES Alexandre Bóveda, pola traxectoria que demostran ter en canto a traballos interdisciplinares de investigación. Foi especialmente atractivo para nós  Facer Lugo,  pola proximidade do tema e o bo facer de Rosa Rodríguez, a compañeira do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. Trátase dun traballo moi complexo que abrangue diversos aspectos do pasado da nosa cidade,  dirixido e coordinado por Rosa.  Noraboa!
E..., como sempre, grazas a Cristina e Pilar pola súa adicación e acerto.

Préstamos 2º trimestre

Aquí figuran os préstamos de fondos da biblioteca rexistrados no 2º trimestre do curso 2011-2012.
En relación co 1º trimestre, obsérvase  un descenso en canto a libros e un lixeiro aumento en cine. Esta tendencia tamén se rexistrou en cursos anteriores en idéntico período e, tendo en conta que ocorre algo semellante nas cualificacións do alumnado en xeral, consideramos esta incidencia como unha fluctuación que entra dentro da normalidade. Estas son as cifras:


24/04/12

Praga e Bedrich Smetana

O Instituto Cervantes de Praga achega as letras e a cultura española aos cidadáns daquel país cunha oferta de novidades bibliográficas, cine, cursos de castelán e a lectura continuada de El Quijote.  Facemos unha viaxe virtual pola capital da República Checa da man de Bedrich Smetana e o seu Moldava, a  melodía por excelencia para os checos que é un poema sinfónico deste compositor  Merece a pena  asomarse!!


View more PowerPoint from Ardwenna --

08/03/12

8 de marzo do 2012


No 101º aniversario da celebración do Día Internacional da Muller os organismos internacionais teñen como propósito  "Habilitar á muller campesina. Acabar coa fame e a pobreza". As cifras e feitos que ofrece a ONU constatan que nos países onde a fame rexistra maiores cotas, tamén é máis grande a desigualdade entre os xéneros.
O 60% das persoas que padecen fame crónica e desnutrición son mulleres e nenas. O Parlamento Europeo centra a súa atención este ano nas diferenzas de salario entre homes e mulleres a traballos iguais. 
A situación mellora... lentamente. A diario podemos seguir observando na  nosa poboación, maioritariamente rural,  grandes desigualdades en contra da muller en canto a traballo e responsabilidades no fogar.

08/02/12

Medio pan y un libro


O pasado 4 de febreiro celebrouse o National Libraries Day. Hai algo máis de 80 anos, García Lorca saudaba a inauguración da biblioteca pública da súa vila natal, Fuente de Vaqueros (Granada), coas seguintes palabras.

"Cuando alguien va al teatro, a un concierto o a una fiesta de cualquier índole que sea, si la fiesta es de su agrado, recuerda inmediatamente y lamenta que las personas que él quiere no se encuentren allí. ‘Lo que le gustaría esto a mi hermana, a mi padre’, piensa, y no goza ya del espectáculo sino a través de una leve melancolía. Ésta es la melancolía que yo siento, no por la gente de mi casa, que sería pequeño y ruin, sino por todas las criaturas que por falta de medios y por desgracia suya no gozan del supremo bien de la belleza que es vida y es bondad y es serenidad y es pasión.
Por eso no tengo nunca un libro, porque regalo cuantos compro, que son infinitos, y por eso estoy aquí honrado y contento de inaugurar esta biblioteca del pueblo, la primera seguramente en toda la provincia de Granada. No sólo de pan vive el hombre. Yo, si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro. Y yo ataco desde aquí violentamente a los que solamente hablan de reivindicaciones económicas sin nombrar jamás las reivindicaciones culturales que es lo que los pueblos piden a gritos. Bien está que todos los hombres coman, pero que todos los hombres sepan. Que gocen todos los frutos del espíritu humano porque lo contrario es convertirlos en máquinas al servicio de Estado, es convertirlos en esclavos de una terrible organización social.
Yo tengo mucha más lástima de un hombre que quiere saber y no puede, que de un hambriento. Porque un hambriento puede calmar su hambre fácilmente con un pedazo de pan o con unas frutas, pero un hombre que tiene ansia de saber y no tiene medios, sufre una terrible agonía porque son libros, libros, muchos libros los que necesita y ¿dónde están esos libros?
¡Libros! ¡Libros! He aquí una palabra mágica que equivale a decir: ‘amor, amor’, y que debían los pueblos pedir como piden pan o como anhelan la lluvia para sus sementeras. Cuando el insigne escritor ruso Fedor Dostoyevsky, padre de la revolución rusa mucho más que Lenin, estaba prisionero en la Siberia, alejado del mundo, entre cuatro paredes y cercado por desoladas llanuras de nieve infinita; y pedía socorro en carta a su lejana familia, sólo decía: ‘¡Enviadme libros, libros, muchos libros para que mi alma no muera!’. 
Tenía frío y no pedía fuego, tenía terrible sed y no pedía agua: pedía libros, es decir, horizontes, es decir, escaleras para subir la cumbre del espíritu y del corazón. Porque la agonía física, biológica, natural, de un cuerpo por hambre, sed o frío, dura poco, muy poco, pero la agonía del alma insatisfecha dura toda la vida.
Ya ha dicho el gran Menéndez Pidal, uno de los sabios más verdaderos de Europa, que el lema de la República debe ser: ‘Cultura’. Cultura porque sólo a través de ella se pueden resolver los problemas en que hoy se debate el pueblo lleno de fe, pero falto de luz".

30/01/12

Lecturas pola Paz

Unha aposta pola Paz é tamén unha fermosa escolma de lecturas, expresión de actitudes de rexeitamento da violencia, de demanda de situacións de inxustiza social e de fomento da concordia e do diálogo. Isto é o que nos chega pola xenerosidade do IES San Paio deTui. Grazas por esta magnífica selección.

20/01/12

Estatísticas préstamo 1º trimestre

Temos un bo motivo para aledarnos: o préstamo de fondos da biblioteca segue aumentando, nesta ocasión, un 36% en total. Iso, acompañado dun mellor saber estar do alumnmado dentro da sala, fai que poidamos felicitarnos. Agardamos, se cabe, unha mellor marca.
Estas son as cifras, comparadas co mesmo período do curso pasado:

20/12/11

Recomendacións Nadal 2011

Tempo de lecer, de agasallos... de compartir; tempo para ler e disfrutar dunha boa película. Velaí unha pequena selección coa que poder disfrutar de historias que pasaron da imaxinación dun escritor ós andeis dunha librería e posteriormente á gran pantalla, con notable éxito. Son libros con película que merece a pena coñecer. Disfrutádeos!

14/12/11

El tiempo del amor, por Fabio Couto


Las hojas de los árboles son el tiempo,
cada vez que cae una hoja pasa un segundo acompañando al viento,
pero tú, mi amor,
arreglarás esto con tu voz,
para mí no existen horas, minutos ni segundos,
sino lo más importante es tenerte junto a mí hasta el fin del mundo,
cuando empieza a anochecer,
tus ojos reflejan un amanecer,
al estar a mi lado,
me traes la suerte y no el pecado,
siempre estaré junto a ti,
para que tengas una sonrisa que signifique que eres feliz.

24/11/11

25 de Novembro

A imaxe ilustra unha forma sutil de violencia, o maltrato verbal, que poucas veces conleva denuncia, aínda que produce un grave deterioro na imaxe que temos de nós mesmos.
Paul Valéry dixo: "A violencia é sempre un acto de debilidade e xeralmente  practícana os que se senten perdidos". Nesta data enlazamos un traballo do alumnado de 2º de Bacharelato do Instituto de Elviña, que nos chega a través da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia. 

08/11/11

Lembranza de Marie Curie

Cúmprense os cen anos da concesión do premio Nobel de Física a Marie Curie (1867 - 1934), unha das únicas dúas persoas que recibiron dous Nobel en dúas diferentes disciplinas: o de Química (en 1903, xunto ao seu marido Pierre, en recoñecemento aos seus extraordinarios servizos e achados no fenómeno da radiación descuberto por Becquerel) e o xa citado de Física (en 1911, recoñecéndolle os méritos para os avances da Química co descubrimento do radio e o polonio, polo aillamento do radio e os estudos sobre a súa natureza e compostos).
O outro dobremente premiado en dúas disciplinas diferentes foi Linus Pauling, cos premios Nobel de Química (1954)  e da Paz (1952) pola súa oposición ás probas nucleares terrestres. 
Houbo asimesmo outros dous laureados dúas veces con senllos Nobel, pero na mesma disciplina:  John Bardeen, en Física, e Frederick Sanger, en Química.

07/11/11

Entre o TIC e o XIZ

Os mil profesores e profesoras asistentes ao Encontro Internacional Educa Red 2011 foi esta actuación-performance dos grupos grupos Ron Lalá e Primital Bros, que reivindicaron a figura do docente 2.0 no medio da rexouba xeral dos presentes.

06/11/11

A Lingua sabe a Pan

Lipdub do CPI Virxe da Saleta, de Cea, sobre unha versión de Sweet Home Alabama de Lynyrd Skynyrd, popularizada por Siniestro Total como Miña Terra Galega. Sobre unha idea de Álvaro Cunqueiro, naceu a letra de A Lingua Sabe a Pan. Contou coa participación de todo o alumnado do CPI e dos músicos Pedro Feijoo e Charly Lincoln que gravaron, misturaron e produciron nos estudios Muu! de Vigo.

31/10/11

Presentación


O xoves próximo ás 8 do serán Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presenta en Lugo o seu libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
O acto será no Centro Social Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, 1) e asistirán Antón Bao(Tenente de Alcalde de Lugo) e Carlos Vello (pola Mesa da Zona).

26/10/11

Conferencia de Pepe Coira

Tonina Gay, desde o cineclube Valle Inclán, envíanos a seguinte reseña:

O Club Cultural Valle-Inclán programa a segunda das conferencias do ciclo “Leccións de cine”.
Pepe Coira impartirá a súa clase sobre A produción. Terá lugar este xoves, día 27 de outubro, a partir das 20,00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial.
A entrada será libre e gratuíta.


Pepe Coira
Nacido en Rábade (Lugo) en 1963. Licenciado en Xeografía e Historia –especialidade de Hª da Arte Moderna e Contemporánea- pola universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola universidade de Valladolid.
Crítico cinematográfico, guionista e produtor de programas para TV. Director do CGAI nos sete primeiros anos de vida deste organismo, ocupado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o primeiro premio “Fernando Rey” da Asociación Galega de Produtores Independentes. Trala súa dimisión como director do CGAI, dá clase na Escola de Imaxe e Son ata o 2000.
O seu nome está vencellado a títulos como Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, As leis de Celavella, Vida nas mareas, O mundo de Celavella, De bares.
Traballou para o grupo Fílmax na produtora Bren Entertainment, sendo xefe de Desenvolvemento da mesma e produtor executivo de Filmax TV. Neste período dedícase especialmente ao xénero documental, tanto seriado (Hai que mollarse, Botarse ao monte), coma longametraxes: Lume e fume, Historia dunha parroquia, Tolos por Xapón, O premio da rubia, Prodixiosos, Eloxio da distancia, Días de reparto, así como a longametraxe para televisión Reliquias.
Desde 2010 traballa como profesional independente.

No ámbito da docencia foi profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra entre os anos 2004 e 2007e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade d’A Coruña desde a súa fundación ata a actualidade.

Traduciu ao galego as Notas sobre o cinematógrafo, de Robert Bresson (1994). É autor dos libros As catro vidas dunha película (1995), Antonio Román. Director de cine (1999, cunha segunda e ampliada edición en castelán: Antonio Román, un cineasta de posguerra; premio ao mellor libro universitario español do ano 2004), Unha (brevísima) historia do cine (2001), No verán de 1940 (2004) e colaborou nas obras colectivas Historia do cine en Galicia (coord. José Luis Castro de Paz, 1997), Diccionario del cine español (coord. José Luis Borau, 1998) e Diccionario do cine en Galicia (1896-2000), do que tamén foi coordinador.

Á marxe de asuntos audiovisuais, é socio fundador da editorial TrisTram, na que se dedicou a traducir relatos e poemas de autores clásicos universais.

10/10/11

II Día da ciencia en galego


Este ano foi declarado Ano internacional da Química pola UNESCO, polo que o día da ciencia en galego 2011 o dedicaremos á Química, á muller na ciencia e, tamén, homenaxearemos a María Curie e María Wonenburguer, unha matemática galega.

Se queres coñecer a súa vida podes consultala premendo aquí.

Únete e participa no II día da Ciencia en Galego ; na ligazón atoparás propostas máis detalladas, así como a solicitude de participación dos centros na Semana da Ciencia cun obradoiro de robótica en Lugo durante o mes de novembro.

03/10/11

Recortes, desilusión

Baixo este epígrafe publican un post as nosas compañeiras do club de lectura Balbordo, do IES Río Cabe de Monforte. Nas súas liñas reflíctese con detalle o sentir de moitos docentes ante a falta de persoal, as mermas económicas e a mala imaxe que se tenta dar do noso colectivo. Podes lelo pinchando aquí.



Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.