O Club Cultural Valle-Inclán programa a segunda das conferencias do ciclo “Leccións de cine”.
Pepe Coira impartirá a súa clase sobre A produción. Terá lugar este xoves, día 27 de outubro, a partir das 20,00 horas, no salón de actos do Pazo de San Marcos, Deputación Provincial.
A entrada será libre e gratuíta.
Pepe Coira
Nacido en Rábade (Lugo) en 1963. Licenciado en Xeografía e Historia –especialidade de Hª da Arte Moderna e Contemporánea- pola universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola universidade de Valladolid.
Crítico cinematográfico, guionista e produtor de programas para TV. Director do CGAI nos sete primeiros anos de vida deste organismo, ocupado da promoción, difusión e recuperación do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o primeiro premio “Fernando Rey” da Asociación Galega de Produtores Independentes. Trala súa dimisión como director do CGAI, dá clase na Escola de Imaxe e Son ata o 2000.
O seu nome está vencellado a títulos como Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, As leis de Celavella, Vida nas mareas, O mundo de Celavella, De bares.
Traballou para o grupo Fílmax na produtora Bren Entertainment, sendo xefe de Desenvolvemento da mesma e produtor executivo de Filmax TV. Neste período dedícase especialmente ao xénero documental, tanto seriado (Hai que mollarse, Botarse ao monte), coma longametraxes: Lume e fume, Historia dunha parroquia, Tolos por Xapón, O premio da rubia, Prodixiosos, Eloxio da distancia, Días de reparto, así como a longametraxe para televisión Reliquias.
Desde 2010 traballa como profesional independente.
No ámbito da docencia foi profesor asociado na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra entre os anos 2004 e 2007e no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade d’A Coruña desde a súa fundación ata a actualidade.
Traduciu ao galego as Notas sobre o cinematógrafo, de Robert Bresson (1994). É autor dos libros As catro vidas dunha película (1995), Antonio Román. Director de cine (1999, cunha segunda e ampliada edición en castelán: Antonio Román, un cineasta de posguerra; premio ao mellor libro universitario español do ano 2004), Unha (brevísima) historia do cine (2001), No verán de 1940 (2004) e colaborou nas obras colectivas Historia do cine en Galicia (coord. José Luis Castro de Paz, 1997), Diccionario del cine español (coord. José Luis Borau, 1998) e Diccionario do cine en Galicia (1896-2000), do que tamén foi coordinador.
Á marxe de asuntos audiovisuais, é socio fundador da editorial TrisTram, na que se dedicou a traducir relatos e poemas de autores clásicos universais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario