06/10/26

Aplicacións útiles para o galego


Non hai mellor forma de aprender unha lingua que usala tamén no lecer. 

O móbil, que levamos sempre enriba, pode converterse nun aliado para aprender galego mentres nos divertimos. As chaves da lingua ofrécenos tres apps para xogar e ampliar vocabulario na nosa lingua.

Palabras Galegas

Palabras Galegas é unha aplicación para aprender vocabulario galego a base de tarxetas (o clásico sistema de flashcards, tan eficaz para memorizar). Está pensada para practicar e ampliar o léxico dun xeito sinxelo e visual, ideal tanto para quen está aprendendo galego como para quen quere afianzar palabras que xa coñece.

É gratuíta, está clasificada para todos os públicos (a partir de 3 anos) e non recompila datos dos usuarios. Un proxecto feito por Sergio Couto Catoira.

Dispoñible en Google Play

Apalabrados

O popular xogo de formar palabras sobre un taboleiro (ao estilo Scrabble) ten versión en galego desde hai anos. A adaptación desenvolveuna a empresa Cilenis a partir do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa), así que xogas cun corpus de palabras normativo.

Podes xogar contra un rival concreto (unha persoa coñecida ou un adversario ao chou) ou na modalidade multixogador en liña. Perfecto para picarse cos amigos e, de paso, descubrir palabras novas e afianzar a ortografía sen te dares conta.

Dispoñible para Android e iOS

Ximnasio Léxico

A app oficial da Real Academia Galega para xogar coas palabras. Baséase no propio Dicionario da RAG e propón retos lingüísticos para poñer a proba (e mellorar) o teu léxico.

Ten dúas modalidades: adestrar, para practicar sen presión, e competir, estruturada en tres niveis de dificultade (inicial, medio e superior), de xeito que sempre atopas un reto á túa medida, saibas moito ou pouco galego. Como vén da RAG, tes a garantía de que todo o vocabulario é normativo.

Dispoñible para Android e iOS


Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.