05/10/25

Vidas de santos

"San Froilán, mete a rella e tira o pan"
(refrán tradicional que recomenda comezar coa sementeira do centeo no inicio do outono)

Como cada ano, nesta data celébrase San Froilán, día sinalado na contorna do noso centro e referencia festiva de parte do noso alumnado. Aparte da ameaza para a supervivencia do polbo como especie e o ambiente festivo que inunda a cidade de Lugo e arredores, o impulso de botarnos á rúa para festexar o que sexa, calquera pretexto é bo, fai que moita xente esqueza a pregunta obvia: Quen foi san Froilán?

Ademais de ser o patrón da cidade de Lugo compartindo tal honra coa Virxe dos Ollos Grandes e dar nome a un potencial herdeiro ao trono de España, sabemos que Froilán naceu en Lugo no ano 832 (ou 833, depende das fontes consultadas) no Regueiro das Hortas, no actual Barrio do Carme, na ruta primitiva do Camiño de Santiago.

A pesar de vir dunha familia acomodada, dase a circunstancia de ter nacido fóra do recinto da Muralla, que era onde adoitaban vivir os nobles da cidade naqueles tempos. Os primeiros anos da vida de Froilán transcorren en Lugo formándose como sacerdote, aínda que non chega a ser ordenado como tal.

Con dezaoito anos, marcha cara o Bierzo vivindo como eremita na gruta de Ruitelán, no concello de Vega de Valcarce, predicando entre os habitantes da zona e organizando xunto con Atilano de Tarazona (futuro San Atilano) pequenas comunidades monásticas polos montes de León. Entre os dous evanxelizaron a zona e hoxe quedan pegadas tan importantes do seu paso como os mosteiros de San Salvador de Távora ou Santa María de Moreruela, ambos en Zamora.

A súa fama era tal entre o pobo, que á morte do bispo de León, Vicente, no ano 900, o rei Afonso III recibe a demanda popular do nomeamento de Froilán como bispo da diocese leonesa. Un dato curioso foi que Froilán ainda non era sacerdote, polo que na cerimonia de toma do báculo de bispo houbo que ordenalo antes como sacerdote.

(San Froilán na catedral lucense. Imaxe de Quincemil. El Español)

Parece que o seu mandato como bispo estivo caracterizado por un carácter xusto, benevolente, sendo defensor dos pobres, dos débiles e dos doentes; todo isto ata 5 de outubro de 905, día no que faleceu, sendo soterrado na catedral antiga de León. Anos máis tarde, no reinado de Ordoño II, o seus restos foron trasladados á catedral nova, a Pulchra Leonina, que ten unha campá chamada A Froilana. Por certo, tamén é patrón de León.

Como todo santo trae milagres ás costas, podemos preguntar cales foron os de San Froilán. Xunto cos habituais de sanar enfermos e salvar colleitas, cabe destacar o milagre do lobo. No seus desprazamentos, Froilán adoitaba ir acompañado dun burro, que ademais facía as labores de besta de carga. Un lobo intentou atacar o burro un día que Froilán estaba recollendo pedras para levantar unha ermida e Froilán non só detivo o ataque, senón que domesticou o lobo, que lle axudou a carrexar coas pedras e xa non se separou del, camiñando sempre a carón da súa perna dereita. Este feito é a orixe da representación dun lobo xunto ó santo nalgunha esculturas.

E finalmente, onde queda Lugo en toda esta historia? Ata aquí pode parecer que Froilán naceu en Lugo como podería ter nacido en calquera outro lugar e xa está, pero isto non explica o porqué de tanto festexo e veneración á beira do Miño. Pois resulta que na Idade Media era toda unha tendencia o tema das reliquias de santos, e dalgunha maneira, un anaco da tibia de San Froilán acabou chegando a Lugo, o que foi creando devoción. Esta reliquia sae do museo da catedral de Lugo tódolos 5 de outubro para formar parte da misa de 12. Tamén hai outro óso pequeno do santo que está na sacristía da catedral permanentemente.

E ata aquí, a historia de por qué boa parte da comunidade educativa do IES Río Miño de Rábade anda estes días de festa pola cidade de Lugo.




Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.