A Vicepresidencia da Deputación convida á proxección-coloquio do documental “Caldaloba” do alumnado do IES Río Miño de Rábade.
O audiovisual proxectarase este venres 7 de febreiro ás 20.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.
O documental “Caldaloba” está realizado polo alumnado do IES Río Miño de Rábade - Laura Campo, Uxía Moreno, Vicenzo Fernández, Javier Hermida e Isara Longarela, apoiados polo profesor da materia de Tecnoloxías da Información e da Comunicación Marco López.
Tras a estrea en Cospeito o pasado mes de xaneiro, a área de Cultura promove esta nova proxección coa que se amplia a difusión do audiovisual e se recoñece o traballo das autoras, do centro e das persoas que colaboraron na súa produción e gravación.
O acto contará coas intervencións de Uxía Moreno, Ángel Lage, director do centro, e Xesús Pena e Ana Pena, responsables da web Caldaloba, que recompila abundante material fotográfico e divulgativo sobre a fortaleza de Pino, en Cospeito.
As persoas asistentes á proxección, aberta e gratuíta, recibirán un exemplar da publicación “A Torre de Caldaloba” de Fernán Álvarez, que recolle o relato do autor sobre a loita colectiva a prol da recuperación de Caldaloba impulsada polas Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario