08/11/24

Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

 Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”. 

A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.

Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.

Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante. 

E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos. 

E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior. Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo. 

Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres. 

E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.


Materiais, recursos, etc, aquí

Ningún comentario:

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.