24/10/15

Inicio del curso 2015-2016

Empezamos curso y empezamos andadura en nuestra biblioteca. Es tiempo de cambios, pero lo esencial permanece, así que abrimos de nuevo este espacio que quiere ser un lugar de encuentro. Allí a donde acudimos para estar con los nuestros, donde estamos a gusto.

La puerta se abrió ya, de forma especial, para los nuevos alumnos de 1º de ESO, a los que se acogió, se informó de su funcionamiento y se les proporcionó su salvoconducto de libre tránsito.

Nuestra primera celebración conmemora el 
Día de la biblioteca.  

Para ello, y para abrir boca, os presentamos esta imagen de la fotógrafa alemana Candida Höfer, cuya obra retrata grandes tesoros de la arquitectura mundial, por supuesto, también bibliotecas. 
(En este enlace tienes más información)

Si te han parecido pocas, puedes visitar también esta página, donde podrás conocer las que seleccionan como las cincuenta bibliotecas más espectaculares del mundo. Aunque hay variedad de listados, aquí tienes otra selección donde aparecen las cuarenta y nueve bibliotecas más alucinantes del mundo. 
Tú ¿en cuál te perderías varios días a la semana? Piénsalo y podremos comentarlo en la nuestra.

24/06/15

Guía de verán 2015

Estas son algunhas recomendacións de lectura para este tempo reparador. Esperamos que vos sexan proveitosas. Bo verán!!!


Pica na imaxe para acceder

15/06/15

Estatísticas préstamo 2014-2015

Este é o resultado en cifras do préstamo na nosa biblioteca durante o curso 2014-2015 e o seu incremento respecto do ano anterior.

09/06/15

Un único soño

E a seguir publicamos o relato que obtivo o segundo premio no concurso das Letras Galegas do Instituto. A súa autora é Anabel Cruz Ribeiro, alumna de 1ªESO-B. 
Parabéns.


Ás veces as persoas temos moitos soños e vivimos desexando que se cumpran algún día, pero unha rapaza duns dez anos dunha vila do norte de Galicia chamada Xulia, ten un único soño: poder vivir nun mundo no que non haxa guerras, desigualdades, pobreza… E ela quere loitar por el cando sexa maior. A Xulia non lle gusta ver o telexornal porque se pon moi triste ao ver tanta xente pelexándose, roubando, matando…

-Papá, por que a xente e tan mala? -pregúntalle Xulia sempre ao seu pai.

-Esa é unha boa pregunta, pero eu non sei como contestarcha -dille case sempre seu pai.

Moitas noites Xulia vai chorando para a cama pensando en toda a xente que non ten onde durmir nin nada que comer. Un día normal de escola, Xulia vístese para ir a escola algo triste polo que escoitou onte na radio, ían desaloxar unha familia de Lugo por non poder pagar o aluguer do piso.

-Bos días -saudou Xulia á súa mellor amiga, Gloria.

-Bos días Xulia, nótote un pouco triste, é polo que dixeron onte na radio?

-Si, xa sabes que me da moita pena iso.

-Pois téñoche unha boa noticia, a miña tía formou una ONG, chámase “Unidos por un mundo mellor”. Se queres, podes formar parte dela, só tes que ir ao lugar no que está e pedirlles que che fagan socia.

Xulia botou toda a mañá moi contenta pensando no que lle dixera Gloria. Pola tarde cando acabou de estudar foi a ONG e pediulles que a fixeran socia pero dixeron que non podían porque era menor de idade. Xulia moi desilusionada volveu para a súa casa cos ollos cheos de lágrimas. Cando ía abrir a porta atopouse con seu pai, seu pai notoulle que lle pasaba algo e díxolle que fora para ao seu cuarto que ían falar do que lle pasaba.

-Que che pasa tesouro? Sabes que me tes aquí para o que sexa; anda, dime que che pasa.

-É que Gloria me dixo que a súa tía formara unha ONG e que eu podía formar parte dela. Pero cando fun alí para formar parte dela dixéronme que non podía ata que fora maior de idade -dicía Xulia chorando.

-Tranquila, non te preocupes. Se te fai máis feliz podo facerme socio eu e doar uns poucos cartos todos os meses para a xente que máis o necesita, dixo o pai cun pequeno e tímido sorriso para que a súa filla se alegrase un pouco.

-Farías iso por min? Moitas grazas papá, es o mellor pai de todo o mundo, quérote moito -dicía Xulia xa máis tranquila e contenta.

-Eu tamén te quero, corazón.

Xulia, xa máis tranquila baixou a xogar ao xardín o pouco que quedaba de tarde. Cando chegou a hora de cear entrou na casa cun sorriso amplo e foi lavar as mans antes de sentarse á mesa; cando chegou á cociña estaban dando o telexornal e ao velo borróuselle o sorriso que tiña na cara, o seu pai notoullo e cambiou rapidamente de canal pero a noticia xa estaba gravada na súa mente: dezaoito persoas mortas nun atentado.

-Xulia, contra iso non se pode facer nada.

Pero Xulia non o escoitou e foise para a cama sen comer, chorando. Gustaríalle que as persoas se concienciaran do dano que fan cando fan esas cousas e que a xente que pode intentar paralos faga algo.

Pasaban os días e Xulia seguía triste porque no telexornal non saían máis que roubos, atentados… Como o pai de Xulia vía que ela seguía triste, decidiu formar parte dunha asociación para enviarlle alimentos á xente dos países pobres; facendo isto conseguiu animala un pouco.

-Moitas grazas, papá, es o mellor do mundo.

-E ti a mellor filla -dicía o pai despois dun forte abrazo.

Pasaban os días, os meses… e estas cousas non paraban e Xulia concienciouse de que ela non podía facer nada contra iso a parte de que era moi pequena. Fíxose unha promesa a si mesma: cando fose maior ía estudar medicina e ía ir a traballar aos países países máis necesitados.

Co tempo Xulia medrou e, agora, xa era unha muller. Estudou medicina como prometera hai tempo e agora estaba traballando nos países pobres e tamén formaba parte dunha ONG que repartía alimentos e roupa. No seu tempo libre tamén escribe historias, esta escribiuna ela e dedícalla ao seu pai que recentemente faleceu.

Papá, esta historia só é unha pequena parte da nosa historia. Moitas grazas por axudarme sempre e á xente necesitada cando eu cho pedía. Un bico moi grande: nunca te olvidarei, sempre estarás ocupando un oco moi importante no meu corazón.
Asinado: Xulia

08/06/15

Ir en barca á escola

O primeiro premio do concurso de relatos das Letras Galegas organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Rábade foi para o relato Ir en barca á escola, de Alicia Couso Montes, de 1ºESO-A.



Hai uns anos, cando eu era pequena, coñecín a unha nena de Negueira de Muñiz, chamada Ana, de mediana estatura, de pelo longo e rizo. Sempre estaba sorrindo e con ganas de contar historias ou contos. Para ir á escola tiña que coller unha barca e pagarlle a un barqueiro para que a levara. Tiña que pasar polo río Navia. A min gustaríame moito ir en barca á escola. 

Parece unha viaxe moi bonita con todas esas paisaxes. Ten que ser moi interesante, pensaba eu.

Ana contaba historias de como ía á escola. A min fascinábame todo o que contaba. Estaba calada todo o tempo, escoitándoa.

Un día, como outros moitos máis, contoume unha historia da súa viaxe ao colexio. Gustárame moito. O que me contou foi: 

“ O outro día cando viña para a escola, despois de pagarlle ao barqueiro e este empezar a remar, vin unha cegoña, gústanme moito. Xa vira o outro día unha cerca da igrexa.

O que sabía ben é que como agora xa se aproxima o bon tempo e logo se acabará a escola, pronto ía estar cheo de paxaros que veñen para aquí no verán.

Como ía dicindo, a cegoña gustoume moito e ata lle puxen un nome: Zancuda.

Achegouse á nosa barca e pousouse. Eu, que tiña un pouco de pan na mochila para levar ao colexio, deille un anaco. Acompañounos toda a viaxe. Todos os días seguintes estábame esperando onde a vira por primeira vez, eu dáballe un anaco de pan e ela viña con nós toda a viaxe”.

Cando acabamos a escola pedinlle a miña mai que me deixase quedar un día a durmir na casa de Ana.

Cando chegou o día xa tiña todo preparado para ir á súa casa. Miña mai levoume. Cando cheguei alegrámonos moito de vernos.

Cando miña mai se foi fomos deixar todas as miñas cousas á súa habitación. 

A súa casa era de pedra, tiña un balcón e un camiño de pedras para chegar á porta.

Despois ela díxome que me tiña unha sorpresa. Eu non sabía que podía ser. Estaba moi ansiosa.

Ela levoume por moitos camiños e fomos polo campo. Cada vez era máis entretido. De pronto vin o río e a barca, a que a levaba todos os días á escola. Ana sacou do peto uns cartos e deullos ao barqueiro. Díxolle que fora amodo, que nos levara ata a escola e que nos volvera a traer ao mesmo sitio. O barqueiro asentiu.

Cando o barqueiro levaba pouco tempo remando apareceu a cegoña. Nunca vira unha dende tan cerca. Entón Ana sacou do seu peto o pan que levaba gardado por se viamos a cegoña. Díxome se quería que lle dese un pouco de pan. Contestei que si. Acompañounos todo o camiño. Víase moita vexetación. Había carballos, castiñeiros e agunha que outra árbore caída. A herba estaba alta e había fentos. Encántame a paisaxe das beiras dos ríos.

Non quería que acabase nunca ese paseo en barca.

Ao chegar á casa ía cun sorriso de orella a orella. Pola noite quedeime pronto durmida porque estaba moi cansa.

Foi un día marabilloso.

19/03/15

Día da muller

Para celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora fíxose unha exposición de fotografías na entrada do instituto que tén por título As mulleres traballan. Estas son as imaxes:

24/02/15

Imaxes San Valentín 2015

Selección de imaxes da celebración do Día dos Namorados
...

23/01/15

Rapeando pola igualdade

Inserimos aquí, co seu permiso, este audiovisual realizado polo alumnado do IES Lama das Quendas e Val do Asma, de Chantada. Agradecemos poder compartilo e disfrutalo.

22/12/14

Guía de Nadal 2014

Aquí tedes algunhas suxestións de lectura para este tempo de frío e de lecer.
Picade na imaxe para acceder.
Que as disfrutedes!!!

03/12/14

Participamos en "O son da nosa fala"

A emisora Radio Lugo, da Cadena Ser, está levando a cabo ao longo deste ano unha iniciativa en colaboración coa Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que consiste na lectura da obra do poeta chairego e a súa divulgación mediante o programa radiofónico O son da nosa fala.
Inserimos a continuación os audios correspondentes á participación do noso centro en dito programa.


25/11/14

25 de novembro

En 1999 a ONU declarou o día 25 de novembro como Día Internacional contra a violencia cara a muller. Foi elixido este día polo asasinato no ano 1960 das irmás Patria, Minerva e María Teresa Mirabal a mans da policía salvadoreña.

Con motivo desta conmemoración queremos enlazar aquí un vídeo feito por rapaces que sirva de reflexión. Desexamos que, á maior brevidade posible,esta data deixe de estar sinalada no calendario.

24/11/14

A orde das cousas


Unha curtametraxe dos irmáns Esteban Alenda. Protagonizado por Manuela Vellés, Mariano Venancio, Javier Gutiérrez, Biel Durán, Junio Valverde, Jose Luis Torrijo, Ana Gracia, Roger Álvarez e Manuela Paso.
Nominado ao Premio Goya 2011 á Mellor Curtametraxe de Ficción.

20/10/14

Recursos




Esta é unha compilación de páxinas web por materias na que podedes buscar información cando o precisedes. Para entrar, picade na imaxe e despois no enlace que vos conveña.
Agradecemos aos compañeiros da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno e do IES Pedra da Águia a xenerosidade de compartir cos membros do PLAMBE este excelente traballo.
Esperamos que poida servos útil.

Benvidos ao curso 2014-2015



Comezamos o curso 2014-2015. É preciso facer provisión de forzas para lograr bos resultados e poder escribir unha páxina positiva na formación persoal de cada un. 
Que nos sexa propicio!!
 Moito ánimo!!!

10/07/14

Lectura e cine para o verán


    Ante a chegada das vacacións estivais, suxerimos lecturas e películas para acompañar este tempo. 
   Se son do voso interese, entrade AQUÍ e disfrutade!!!.

 ...Boas vacacións!!!

28/05/14

Charlas e obradoiros






                                      Conferencia de Santiago Jaureguízar

O día 13 de decembro do 2013, os alumnos de 4º ESO (A, B e PDC) tiveron a oportunidade de asistir a unha conferencia pronunciada polo escritor Santiago Jaureguízar, autor de A cova das vacas mortas, obra lida previamente por eles. Chamoulles especialmente a atención o tipo de vida que se leva nunha comuna, neste caso, na de Negueira de Muñiz.




Conferencia de Darío X. Cabana


Dirixida aos alumnos de 1 e 2º de Bac que leron Galván en Saor (os de 2º o curso anterior) para que tivesen ocasión de coñeceren directamente o escritor e lles falase da súa faceta literaria. Sorprendeunos a súa despedida: que era máis importante como tradutor que como escritor, que a literatura galega sería igual sen el.
Tivo lugar o día 17 de febreiro de 2014.






                                             Obradoiro “Xosé María Díaz Castro”
Aproveitando o envío (por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística), de carteis sobre a vida e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, todo o alumnado do Centro levou a cabo diversas actividades, segundo o seu nivel. O desenvolvemento destas estivo dirixido por todo o profesorado de Lingua Galega e Literatura  e resultou relativamente atractivo para os discentes polo enfoque colorista da exposición, a cal vai continuar amosada nos corredores do Centro.
Conseguiuse que os alumnos chegasen a ter un coñecemento amplo da vida e obra de Xosé María Díaz Castro e foron motivados para veren noticias sobre este autor nos distintos medios de comunicación (xornais, televisión, etc.)



Obradoiro “OPS! (O Português Simples)”
Dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo, xunto coa Associaçom Galega da Linga (AGAL) e CIRANDA  á volta do português, foi enviada ao Centro a posiblidade de impartir o devandito obradoiro. Este tivo unha boa acollida por parte de todo o noso alumnado, quen se decatou de que a través do portugués se pon en valor o galego, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que o infravaloran.
Tivo lugar na semana do 24 ao 28 de febreiro de 2014.




Concurso de Creación literaria.

Co motivo das Letras Galegas 2014 convocamos un concurso literario de contos: un específico para 1º, 2º e 3º da  ESO e outro para 4º da ESO e  Bac. Deuse un premio e o correspondente diploma.
A alumna gañadora na segunda categoría foi Patricia Seijas Díaz de 4º B ESO co relato titulado “Segredo do pasado”.






                             Ruta literaria pola Casa-Museo Manuel María
 Nesta Fundación, o día 18 de febreiro de 2014 os alumnos de 4º ESO (A, B e PDC) e 2º Bac coñeceron o legado de Manuel María partindo dunha actividade lúdica e didáctica de exploración grazas ao inestimable labor dun guía: biblioteca (que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galicia dende a posguerra até a actualidade), numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación: Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego; distintas coleccións de obxectos particulares de Manuel María que serven para ambientar a propia casa (a de navallas, por exemplo), etc.

27/05/14

SEGREDO DO PASADO

Este é o texto gañador do tradicional Certame Literario que, co gallo do Día das Letras Galegas, convoca o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso IES. A autora, Patricia Seijas Díaz, é alumna de 4º curso de ESO.


Aló polas claras noites de verán, nas que brilla a lúa chea coma un queixo fresco, subía eu pola corredoira chamada As Monchas e ía saír a uns pastos nos que descendía do outeiro, chamados Pradellos. Alí era onde todos os veciños tiñan un enorme prado para manter as vacas. Eran moi apreciados porque tiñan fontes que baixaban da montaña da Pena Chá, onde bebían o gando e os señores e señoras que o gardaban.
Dábame pracer camiñar soa á escuridade con soamente a luz da lúa . Non temía a nada, nin sequera aos lobos. Mais víaos no alto das penas, sempre en mandas de sete . Eu choraba de pena porque me sentía soa, a pesar de ter amigos. O meu tormento era que ao nacer un martes trece fose unha lobishome. O medo de selo tíñame consumida, mesmamente eu xa o tiña asumido. A miña gran paixón sempre fora cantar en galego, recitar poemas e escribir poesía; exaltar Galicia érame unha función vital. Por outra banda, eu sempre pensaba que os lobos me temían porque eran sabedores de que os lobishomes eran moito máis fortes ca eles .
Pois recordo moi ben un día no que fun ata os Pradellos e pensei o que despois escribín na libreta coa que sempre viaxaba polos montes. Máis tarde, xa na casa, elaborei as seguintes palabras dun xeito pobre e vulgar.
´´ Penso que son unha lobishome mais eu axúdolle a todas as persoas que o necesitan, defendo Galicia e choro polo mal, este verán estouno pasando moi deprimida pola traxedia de Angrois. Os soños de tantas familias que ficaron rotos, nenos, mozos e anciáns que voltaban á casa ou estaban de visita para celebrar o Apóstolo ´´.
Despois de pensar isto quedeime pálida, chorei ata encher un rego, e despois mirei ó ceo e a lúa seguía brillando. Fitaba para min e eu para ela, coma se fósemos mudas. Sentín a campá da igrexa de Santa Cruz de Parga dando a unha da madrugada. Nese momento da escuridade, dunha carballeira saíu un moucho e asomouse a min, nese momento si que sentín temor polos ditos desta ave.
Isto penseino todo o outono, deille voltas na cama, mentres, lograba conciliar o sono; pero nunca lle busquei sentido. Non voltei aló nin sequera fun apañar cogomelos e castañas. Penso que nunca esquecerei estas lembranzas igual que nunca esquecerei o día tan fermoso que pasei co meu amor na Romaría da Barca.
Cando chegou o inverno decidín comentarlle todo isto á miña mellor amiga, María Uxía. Ela pensou e chegou á conclusión de que me viña ben ir de novo ata aqueles pastos e buscar unha explicación aos meus sentimentos e resolver o misterio. Decidimos ir polas vacacións de Nadal. Sentía medo por ter que ir de novamente ata ese lugar, mais acompañada por Uxía a nada debería temer.
Ao seguinte día relatei brevemente a nosa nocturna viaxe.
´´ Subimos por As Monchas e despois tivemos que descender para chegar ao val onde se atopaban aqueles pastos, polos que eu camiñaba no verán . Ao primeiro miramos pero non atopamos nada estraño . Pero despois de tanto observar atopamos no medio das pudias e das xestas unha carta escrita a man cunha fermosa e comprensible letra. Lina e cando a rematei de ler vin que estaba firmada polo meu noivo. El, como me coñecía, sabía os meus pensamentos e mais os montes polos que paseaba ´´.
Voltei para a casa coa compaña da rapaza e cavilando ledamente canto me quería esa persoa e canto penaba por min . A verdade era que eu tamén a amaba desesperadamente. Era unha persoa comprensiva, respectuosa e que simpatizaba con todos. Un rapaz dous anos maior ca min, ese ano cursaba o terceiro curso de carreira na mesma universidade ca min .
Dende aquel día penso que comecei a aumentar a miña felicidade e borróuseme a obsesión de que era unha lobishome. Á miña cara asomaba un soriso dende que saía o sol ata o escuro anoitecer. Ao chegar a primavera aínda estiven máis contenta vendo as flores dos campos e escoitando piar os paxaros. Pero, aínda así, sufro polos demais e polas desgrazas do mundo, pero xa non por min mesma; porque vin que non todas as persoas nos momentos débiles teñen tan bos apoios como tiven eu .
O seguinte verán saín a pasear co meu amor polas claras noites de luar polos montes máis fermosos da parroquia .
Xa hai agora setenta anos que aconteceron os feitos que acabo de narrar . Fíxeno, mentres viña á praia a Muxía no coche . Á poboación de agora non lle estraña que viñese no asento do piloto escribindo . Pero ás persoas que agora xa non están pareceralles algo imposible . Por iso, a elas, voulles explicar que agora os coches que anunciaban no 2014 para o futuro xa están aquí. Todas as persoas os temos, ata eu que teño 99 anos poido viaxar soa no meu propio coche . Agora sei que xa son moi maior e que logo vou morrer, por iso lles deixo un recordo de min a todo mundo. Aínda así, vou enviar unha copia á terra na que habitan os mortos .




17/05/14

Xosé María Díaz Castro: homenaxe no Día das Letras

Hase de amar a cousa ata que sangue,
o verdadeiro amor enferra en neve,
ara nun mar de rosas suco leve,
ai pero acasula en sangue

 Xosé M. Díaz Castro

31/03/14

Como buscar información na rede



Grazas a Charo Sánchez-Gabriel do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e a Olga Rodríguez do CEIP Milladoiro de Malpica, podemos enlazar este estupendo documento que explica COMO BUSCAR INFORMACIÓN NA REDE DE FORMA EFICAZ. 
O noso agradecemento pola súa xenerosidade, como sempre.

PICA NA IMAXE para entrar.

08/03/14

Día Internacional da Muller

Cada 8 de Marzo celelebramos o Día Internacional de Muller Traballadora como data para reivindicar a igualdade e revisar a situación da muller na sociedade. Nós enlazamos aquí unha liña do tempo sobre as Mulleres na Historia, de culturagalega.org e inserimos máis abaixo un estupendo recurso sobre Mulleres Galegas, de Luz Jares. Agradecemos ambas aportacións. 
Finalmente, queremos render tributo a todas as mulleres anónimas que non figuran en ningún documento deste tipo pero que diariamente, coas súas tarefas, contribúen á dignificación e á mellora da situación social de todas.

27/02/14

Amor de plastilina

Así titula o alumnado do obradoiro de Plástica esta tenra curta sobre o amor que nos achegan os compañeiros da Biblioteca Bernardino Graña. Nós enlazámola aquí co seu permiso e agradecémoslles a xenerosidade de compartila.
Merece a pena velo.


24/02/14

Día de Rosalía

Hoxe celébrase o 177 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Para conmemorar esta data, a Asociación de Escritores en Lingua Galega promove unha serie de actos culturais nos concellos e centros de ensino, así como o agasallo dun libro en galego e unha flor.

Nós inserimos un vídeo dun disco de Abe Rábade, titulado  Rosalía XXI,  no que o músico galego rende homenaxe á poeta de Compostela. Escoitade a súa versión de Alborada.



12/02/14

126 anos de Clara Campoamor


Clara Campoamor, (Madrid, 1888 - Lausana, 1972), brillante política española, foi unha das primeiras mulleres avogadas deste país. Loitadora a favor da non discriminación por razón de sexo, da igualdade xurídica dos fillos e fillas habidos dentro e fóra do matrimonio e do divorcio. Ademais foi a principal impulsora do voto feminino, que se exerce en España desde 1933. Hoxe celébrase o 126 aniversario do seu nacemento. 
Para saber máis, entra AQUÍ

19/01/14

El Greco 2014

Este ano celébrase o IV centenario do pasamento de El Greco, pintor adiantado á súa época e precursor das actuais vangardas que deixou en Toledo o mellor da súa obra.
Para ver información sobre este acontecemento, enlazamos a súa páxina web e insertamos este vídeo.


22/12/13

Guía Nadal 2013



Estas son as suxestións de lectura para este tempo de inverno. Vaian con elas os nosos mellores desexos para estas festas e para o ano 2014. 
Para saber máis, pica AQUÍ

07/12/13

24/11/13

Doris Lessing, In memoriam



O 17 de novembro faleceu Doris Lessing. De orixe persa, foi unha escritora valente e comprometida, defensora dos dereitos da muller e a súa igualdade co home, do respecto pola natureza, da vida digna dos habitantes de África, onde medrou; do pacifismo e outros aspectos sociais do entorno no que lle tocou vivir.

No 2007 acadou o Premio Nobel de Literatura e con tal motivo os compañeiros da biblioteca do IES Concepción Arenal de Ferrol elaboraron unha valiosa e moi detallada presentación. No seu pasamento tiveron a deferencia de compartila coas oportunas adaptacións. Nós agradecémolo e enlazámola polo seu interese.

05/11/13

Como atopar o que busco



 Esta é unha guía para buscar fondos  no catálogo en línea da biblioteca.  Agradecemos ao IES "As Mariñas"  de Betanzos este estupendo enlace  que, sen dúbida, nos vai servir de       boa axuda.

01/11/13

Día das bibliotecas e Samaín



Para celebrar estas datas organizamos unha exposición de libros e cine de medo que xa está na entrada do instituto.

Agradecémoslles ás alumnas de 1º de bacharelato e aos alumnos de 2º da ESO a súa colaboración para levala a cabo.

20/09/13

Benvidos

Afrontamos un curso que trae novos retos e poucos recursos. Será preciso poñer todo o empeño e esforzo para percorrer o longo camiño que nos separa da meta. 
Cómpre resistir. É posible. 
Moito ánimo!!

18/08/13

Divírtete lendo co F.C. Barcelona

O Consello da Comunicación de México contou con Iniesta, Piqué e Xavi para fomentar a lectura entre os seus cidadáns. Enlazamos a nova pola parte que nos toca.


09/08/13

24/07/13

No día dos avós

Chéganos por medio da Asesoría de Bibliotecas Escolares unha información sobre lecturas relacionadas coas avoas e avós. Temos a experiencia da boa acollida de libros como Chamádeme Simbad de Francisco Castro, por iso queremos engadir outros libros que poden ser do interese de todos vós. Algúns deles xa están nos andeis da biblioteca e outros irémolos incorporando á volta das vacacións.

Por se alguén se quere anticipar, aí vai esta suxestión das Bibliotecas Escolares de Aragón e estoutra do Servicio de Orientación de Lectura.

08/07/13

Mercadillo de intercambio de libros de texto

Hoxe e mañá, días 8 e 9 do presente mes de xullo, ponse en marcha un mercadillo de intercambio de libros de texto con vistas á súa utilización para o vindeiro curso. 

Parécenos unha forma moi interesante de aproveitar os recursos existentes e un bo modo de axudármonos en tempos de crise.

É unha iniciativa do Concello de Lugo a través da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Quen teña interese, pode dirixirse á Casa da Xuventude, de 11 a 14 horas, na rúa Xesús Bal e Gay s/n, en Lugo.

28/06/13

Pan, pan e máis pan (Bakery work)

E ti, sabes facer pan? Non?
Pois mira este vídeo e ao mellor aprendes. E, se non, seguro seguro que te animas.

27/06/13

Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro



Sábese xa desde hai uns poucos días: o escritor escollido pola Real Academia Galega para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano próximo será Xosé María Díaz Castro, poeta chairego, nacido en Parga (Guitiriz) pronto fará un século, e autor dunha única obra, Nimbos (1961), de gran beleza e fonda repercusión na lírica galega da segunda metade do XX.

21/06/13

Lecturas, cine e música para o verán





Publicamos a nosa guía de suxestións para este verán.

Desexamos que o lecer sexa para todos positivo e reparador de forzas e ánimos na compaña dos libros, o cine e a música.

Para entrar, pinchar AQUÍ.



Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.