22/08/13
Aniversario de Claude Debussy
Hoxe o músico francés Debussy celebraría o seu 151 aniversario. Na honra deste precursor da música moderna, enlazamos o seu Claro de luna.
18/08/13
Divírtete lendo co F.C. Barcelona
O Consello da Comunicación de México contou con Iniesta, Piqué e Xavi para fomentar a lectura entre os seus cidadáns. Enlazamos a nova pola parte que nos toca.
09/08/13
Unha de música e imaxes
Fermosas acuarelas de Antonio Heredero sobre un magnífico fondo musical: O Coro de Románticos de Doña Francisquita, zarzuela de Amadeo Vives. Interpreta a Coral Casablanca de Vigo, cuxos méritos foron galardoados en numerosas ocasións.
24/07/13
No día dos avós

Por se alguén se quere anticipar, aí vai esta suxestión das Bibliotecas Escolares de Aragón e estoutra do Servicio de Orientación de Lectura.
18/07/13
08/07/13
Mercadillo de intercambio de libros de texto

Parécenos unha forma moi interesante de aproveitar os recursos existentes e un bo modo de axudármonos en tempos de crise.
É unha iniciativa do Concello de Lugo a través da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. Quen teña interese, pode dirixirse á Casa da Xuventude, de 11 a 14 horas, na rúa Xesús Bal e Gay s/n, en Lugo.
28/06/13
Pan, pan e máis pan (Bakery work)
E ti, sabes facer pan? Non?
Pois mira este vídeo e ao mellor aprendes. E, se non, seguro seguro que te animas.
Pois mira este vídeo e ao mellor aprendes. E, se non, seguro seguro que te animas.
27/06/13
Letras Galegas 2014: Xosé María Díaz Castro
Sábese xa desde hai uns poucos días: o escritor escollido pola Real Academia Galega para ser homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano próximo será Xosé María Díaz Castro, poeta chairego, nacido en Parga (Guitiriz) pronto fará un século, e autor dunha única obra, Nimbos (1961), de gran beleza e fonda repercusión na lírica galega da segunda metade do XX.
21/06/13
Lecturas, cine e música para o verán
Publicamos a nosa guía de suxestións para este verán.
Desexamos que o lecer sexa para todos positivo e reparador de forzas e ánimos na compaña dos libros, o cine e a música.
Para entrar, pinchar AQUÍ.
15/06/13
Vestimenta romana
Para ilustrar a festa de exaltación do pasado romano de Lugo, Arde Lucus, que se celebra este fin de semana na capital da provincia, enlazamos un slide que resume a vestimenta máis habitual dos romanos. Ao final tedes a opción de consultar máis indumentarias e outros aspectos desta e doutras culturas. Agradecemos ao seu autor poder compartilo.
04/06/13
Relato
E a continuación, o outro relato premiado no concurso convocado polo EDNL do noso Centro con motivo do Día das Letras Galegas, esta vez na modalidade de primeiro ciclo de ESO.
A autora é Susana Adkinson Costoya, de 1ºESO-A.
SE AOS NENOS NOS DEIXARAN SER CREATIVOS..........................
A autora é Susana Adkinson Costoya, de 1ºESO-A.
SE AOS NENOS NOS DEIXARAN SER CREATIVOS..........................
Un día, unha mestra
puxo como deberes ós seus alumnos unha redacción de como farían eles para
cambiar o mundo, e esta é a miña redacción:
Se
aos nenos nos deixasen ser creativos:
Non habería crise, porque os cartos tan só son papeis de cores,
con fabricar máis nunha fábrica de facer cartos, xa estaría. E en todo caso usaríamos os trocos, como se
facía antes, e funcionaba moi ben.
Non habería guerras,porque só é cuestión de poñerse de acordo uns cos outros e facer a paz.
Respetar ós demais como nos gustaría que nos respetasen a nós, aínda que pensen
distinto, recen distinto ou non recen. Todos queremos o mesmo: ser felices e
vivir en paz.
Non habería pobrez a, porque só é cuestión de repartir a riqueza do mundo
mellor: Convenceríamos aos ricos para que axudaran aos pobres. E aquilo que xa
non usamos, podemos entregalo a outros que lles faga falta. A comida que sobra
nos restaurantes, poderíase entregar a aqueles que tivesen fame. Aquelas
persoas que dormen na rúa, poderían habitar algunhas casas sen dono abandonadas,
a cambio de que as coidasen ben.
Non habería desigualdade, porque os nenos sabemos que unha nena e un neno son iguais, que un home e
unha muller tamén o son, e que un negro, un branco ou un chino só se diferencian na cor da súa pel.
Non habería tantas desgracias na naturez a,
porque os nenos sabemos que hai que cuidar o planeta, que non se poden talar as
árbores que son o pulmón da terra, que hai que reciclar, que hai que respetar
os seres vivos, os rios, os mares, os animais. É fácil!
Non faría falta petróleo, porque aprenderíamos a usar a
enerxía da natureza, facendo que fose suficiente para o que necesitamos.
Non habería enfrentamentos ridículos, porque sabemos que hai
que respetarse, que hai que ser educados, e bos uns cos outros.
Se
nos deixasen aos nenos todos verían que a maxia existe cando se cre nela, algo
que a maioría dos maiores esqueceron, e eu non sei por que.
Así
me ensinaron a min, así son eu, así de fácil vexo o mundo, o único que non
entendo é por que os maiores que o poden
cambiar non o fan. Pero sei que cando eu medre, seguirei sendo así, e que
farei todo o posible por cambiar o mundo, polo menos, o meu mundo.
Agora
só son unha nena de case 10 anos moi ilusionada e feliz.
Espero que vos gustase o meu conto.
30/05/13
Adolescentes e violencia machista

Segundo os datos aportados polos centros especializados en atención a malos tratos, os casos xudiciais aumentan entre as rapazas de 15 a 17 anos, rexistrándose algúns xa desde os 12 ou 13.
A situación ben merece unha reflexión. Roles que parecían superados, volven a ser asumidos polas nosas adolescentes, que non saben establecer os límites soportables nunha relación. Por outra parte, algúns patróns de conduta que aporta a vida real e os medios de comunicación son erróneos e non contribúen ao correcto desenvolvemento da dignidade da persoa.
Contra todo iso, a única ferramenta ao noso alcance é a educación en igualdade.
Contra todo iso, a única ferramenta ao noso alcance é a educación en igualdade.
27/05/13
Adeus a Georges Moustaki
Georges Moustaki, cantautor francés nado en Alexandría (Exipto) vén de falecer en Niza aos 79 anos.
Compuxo unhas trescentas cancións que interpretaron cantantes de todo o mundo en diferentes linguas e que quedarán para sempre na memoria dos afeccionados á música.
Soñador e tenro, escribiu sobre temas universais, de actualidade; porque sempre haberá namorados, estranxeiros, persoas que sofren de soedade ou quen sinta desexos de liberdade. Adoitaba acompañarse da guitarra, acordeón ou piano para cantar dunha maneira moi persoal as súas propias composicións; aspecto que lle fixo acadar unha gran popularidade como intérprete desde 1970.
Adxuntamos un vídeo dunha das súas cancións máis escoitadas, Ma liberté. Para os políglotas, enlazamos un resumo, en francés, da nova e da súa vida: AQUÍ.
26/05/13
Tristes Lembranzas
Patricia Seijas Díaz, alumna de 3º de ESO do noso Instituto, resultou a gañadora do concurso literario que con motivo da celebración do Día das Letras Galegas organiza o Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística.
Eis o seu relato, titulado Tristes Lembranzas:
Recordo
moi ben o día que coñecín a Lola, unha rapaza que chegou deica a
miña oficina un martes dun mes de verán
.
Eu
estaba lavando na leituga para xantar cando escoitei timbrar na
porta. Saín fóra, aínda coa toalla secando as mans.
Sorprendeume
moito ver aquela rapaza tan deprimida, deille a benvida e mandeina
pasar para o despacho. Senteime e díxenlle a ela que tamén se
sentase .
Pregunteille
cal era o obxectivo de virme visitar e ela díxome que era a ilusión
de poder seguir vivindo na casa na que nacera, xa que agora había alguén que lla quería quitar .
Aínda
que me esforcei e intentei sacarlle as máximas palabras da boca, non dei feito máis. A súa voz e as palabras empregadas por ela
amosaban unha gran tristura polo que supuxen que nada máis podería
facer por axudarlle .
Despois
díxome que se alegraba moito de verme e de falar comigo, pero que non desexaba perder a vez do psiquiatra.
O
meu propósito era non cobrarlle nada pero ela deixoume vinte euros
encima da mesa.Intentei explicarlle e dicirlle cal era o meu motivo
para non cobrarlle nada, pero insistiu,polo que tiven que
quedarme con eles . Despois pedinlle o seu número de teléfono para
darlle cita para un novo día e intentar sacarlle a máxima
información posible. Deumo e despois ela pediume o meu .
Ese
mesmo día ás oito deille unha chamada, contestoume algo máis
ilusionada, aínda que non era moito, e bastante máis do que cabía
esperar. E mesmo contoume que o doutor lle dera un novo tratamento
para os seguintes seis meses .
Eu
deille vez para o venres, total só faltaban dous días, xa que os
outros tíñaos tan ocupados que non podía nin facer un oco .
Cando
chegou o día vina aínda máis animada, traía bastantes ganas de
falar, polo que llle saquei algo máis de información, que fun anotando
mentres ela falaba, máis tarde paseino a limpo no ordenador e logo
imprimín todo e fíxenlle unha fotocopia para que tivese tamén todo
arquivado .
Cando rematou mandeille cubrir uns papeis e vin o seu
bo nivel en redacción, máis tarde díxenlle que
era mellor que me escribise a súa vida dende que comezara a ter
problemas. Aceptou e prometeu traer todo feito para
o seguinte día .
Este
é o traballo que me entregou :
Nacín
o oito de setembro de 1987 na parroquia de San Martiño de Belesar
nunha casa cun nivel económico bastante baixo , meus pais
traballaron moito para que miña irmá máis eu puidésemos estudar e
eu sempre cumprínllelo gusto igual que ela . Sacábamos as máximas
cualificacións posibles .
A
vostede , seguramente, interesaralle esta parte .
Era
un domingo de maio cando eu xa estaba cursando o último ano do ciclo
superior de administrativo. Meus pais, Ana e Ricardo, decidiran ir á
feira de Arzúa para vender os porcos. Eu quedara na casa coa miña
irmá, que era moi pequena e mais estudara para as probas finais .
Ían
dar as dúas do mediodía, cando sentín o teléfono e ao collelo
recibín a noticia de que meus pais faleceran nun accidente de
tráfico causado por unha femia de xabaril que saíra do monte á
autovía e batera contra eles e despois saíranse da autovía e
desprendéranse por unha pendente .
Os
gastos do enterro arranxáronse moi ben, pero o peor foi outro
problema. Meus pais un ano antes de morreren compraran o coche no
que viaxaban. Pediran un crédito e, por se acaso, pagaban un seguro
de vida . A empresa do seguro do coche pagou o material: barreiras e árbores que estaban plantadas na mediana. Pero o seguro de vida
non correspondía coa súa promesa asinada nun papeliño que teño
gardado . Eu fun un día ata unha das oficinas da empresa e
mostreilles o contrato que fixeran meus pais, pero eles insistíronme
en que non valía para nada, que todo iso xa quedara obsoleto. Ao
sentir que me estaban enganando quitei os cartos do banco, xa que
eu estaba sen traballo e miña irmá, aínda que cobraba por orfa, o que gañaba non
era suficiente para podermos vivir .
Dende
aquela comezáronme a chegar cartas de que se non pagaba o coche
embargábanme a casa, que era o único capital que podería costear o
coche. Pero o peor foi cando o pasado mes de maio, tres anos
despois da morte de meus pais, mandáronme unha carta de que se non
pagaba, miña irmá mais eu iríamos para a rúa, e eu fun ao
concello e pedín un xustificante das persoas que vivíamos na casa e
de que eu estaba sen emprego . Como me volveron mandar outra carta, decidín vir visitar a vostede. Non sei se isto é suficiente para
que poida comprender a miña verdadeira situación . Pero, por se acaso, para que comprenda máis, entrégolle tamén os informes
médicos nos que figura a miña avanzada depresión .
Estes
son todos os datos que Lola me entregou ao seguinte dia que veu,
intentei lelos moi ben e prestándolles maior atención para poder
axudala . O primeiro que se me veu á cabeza foi falar con ela e
dicirlle que me trouxese todos os documentos para eu poder saber se
estaban en orde e eran correctos para defender a demanda que
poderíamos poñer contra eles por non cumprir co seu trato . Cando
mos ensinou ,puiden ver que eran válidos e que podería sacar a Lola e
máis a súa irmá Tareixa do problema no que as meteran.
Dende
que Lola puxo a demanda e ensinou todos os xustificantes, a empresa
do seguro de vida parou de mandarlle cartas e de chamala .
O
día no que Lola e Tareixa deberían marchar da casa non o fixeron
nin ninguén as obrigou .
Xa
estábamos en novembro cando se deu á luz, o día no que se
celebraría o xuízo. Cada vez Lola e mais eu pasábamos máis tempo
xuntas, para preparalo .
Cando
chegou o día fun buscar a Lola á súa casa, xa que a pobre non tiña
cartos para ir nun taxi , e, total , a min xa me cadraba de camiño .
Nada máis abrirlle a porta para que subise vina moi nerviosa.
Eu, que era a súa avogada, defendina moi ben e presentei todos os
contratos, cartas e xustificantes médicos da depresión de Lola .
Aínda que ese día non se souberon os resultados, eu pensei xa ter
gañado.
Pero
a boa nova leveina o 20 de abril , cando, a través dunha chamada
telefónica, mo comunicaron dende o xulgado .
A
empresa do seguro de vida tívolle que dar a Lola un millón das
antigas peseta, e facerse cargo de rematar de pagar o coche e os medicamentos que Lola tomara e tomaba .
Cústame
dicilo, a verdade, pero a miña cliente acabou suicidándose e
deixando sen familia a súa irmá, que agora xa é maior de idade .
Non sei como puido facelo , despois de ter todo en orde, pero a
verdade é que lle estragaron a vida.
Aínda
que pareza mentira, eu quedei ferida para sempre , como se tivese unha
lanza no corazón; sinceramente digo que non renunciei ao meu posto
porque necesito diñeiro para vivir e non sei doutro traballo, se o
soubese deixaríao. Cada vez que vou a un xuízo acórdome de Lola e
remato chorando .
22/05/13
Pepe Coira no IES Río Miño
Nado en Rábade, é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Hª da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid. Despois dun tempo no xornal El Correo Gallego como crítico de cine e logo redactor, foi director do Centro Galego de Artes e Imaxe e profesor nas Universidades de Pontevedra, Coruña e Santiago.
Entre os seus traballos como guionista están as series Extramuros e Luces da Cidade e como produtor executivo e editor de guión, Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, e As leis de Celavella. Foi tamén Xefe de desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV, onde segue a traballar, especialmente en documentais.
Na súa faceta de escritor, é autor de As catro vidas dunha película, Unha brevísima historia do cine e coautor do Diccionario del Cine Español e do Dicionario do cine en Galicia. Na actualidade segue a impartir clases na Universidade, á vez que colabora con varias cadeas de TV do estado e produtoras de cine.
Na súa faceta de escritor, é autor de As catro vidas dunha película, Unha brevísima historia do cine e coautor do Diccionario del Cine Español e do Dicionario do cine en Galicia. Na actualidade segue a impartir clases na Universidade, á vez que colabora con varias cadeas de TV do estado e produtoras de cine.
Despois dun percorrido moi ameno e interesante polas catro vidas dunha película e as diferentes formas de plantexar o desenvolvemento dun film, deu resposta ás cuestións dos asistentes, aos que soubo chegar, mantendo en todo momento o seu interese e atención. Ilustrou a súa intervención con diversas anécdotas. Falou de Bresson, de Truffaut, de Harry Potter, de efectos cinematográficos, de series actuais...
En suma, o alumnado quedou gratamente impresionado pola charla co convidado, a quen todos os ouvintes consideramos un home apaixoado pola súa profesión, pois, segundo el mesmo afirma, non coñece nada mellor ao que adicarse.
En suma, o alumnado quedou gratamente impresionado pola charla co convidado, a quen todos os ouvintes consideramos un home apaixoado pola súa profesión, pois, segundo el mesmo afirma, non coñece nada mellor ao que adicarse.
18/05/13
Día Internacional dos Museos
Unha selección das mellores pinturas do mundo, no Día Internacional dos Museos. Moitas delas están en exposición no Museo del Prado (Madrid).
.
17/05/13
15/05/13
Ano de Roberto Vidal Bolaño
Queremos render homenaxe ao dramaturgo, actor e director máis renovador do teatro e da cultura galega dos últimos anos do século XX e cuxa influencia chega á actualidade, insertando un excelente telexornal feito polos alumnos do CPI dos Dices Rois sobre a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño. Agradecémoslles poder compartilo.
Outros recursos sobre Roberto Vidal Bolaño:
02/05/13
Cine e libros
Os libros e o cine sempre casaron ben por razóns ben diferentes. Este nutriuse en moitas ocasións dos primeiros e aqueles introduciron o cine nas súas historias. Con motivo do Día do Libro, Rtve2 emitiu unha interesante reportaxe cunha selección de fragmentos de películas que ilustran esta boa relación. Nós enlazámola por ser o tema de traballo neste curso. Grazas aos compañeiros da biblioteca do IES Pazo da Mercé de As Neves (Pontevedra).
Días de cine - Día mundial del libro
30/04/13
Ella Fitzgerald, a dona do scat
O 25 de abril do 1917 nacía en Virginia (USA) Ella Fitzgerald. A súa orixe humilde (filla dunha lavandeira e dun condutor de tren que abandonou a ambas) condicionou o seu carácter e os seus difíciles comezos, que pasaron por problemas coa policía e estancias nun reformatorio.
Desde moi pequena tiña afección pola música e o baile. Cantou nun coro parroquial, aprendeu a tocar o piano e escoitou con entusiasmo a Louis Armstrong na radio; pero é aos 16 anos cando debuta en Nova Iork como cantante, ao que seguirían numerosas actuacións con diferentes orquestras, gravacións cos mellores do jazz: o propio Armstrong, Count Basie, Duke Ellington... e a interpretación de composicións de George Gershwin.
Pero, dotada dunha magnífica voz de mezzosoprano, cun rango vocal de tres oitavas, estaba chamada a ser a raíña do xénero, e fai a súa carreira en solitario desde 1941. Levou por todo o mundo un amplísimo repertorio que inclúe blues, swing, samba, bossa nova, gospel, calypso e cancións populares de diversos estilos; traballos que distinguiu coa súa impronta persoal, as improvisacións vocais: o scat.
Labels:
blues,
bossa nova,
calipso,
Count Basie,
Duke Ellington,
Ella Fitzgerald,
Georges Gershwin,
gospel,
Jazz,
Louis Armstrong,
Música século XX,
samba,
scat,
swing
21/04/13
José Luís Sampedro
Finou hai uns días José Luís Sampedro. Escritor, economista e profesor universitario, interésanos especialmente pola súa faceta humanista, que tentou levar á economía para conquerir un mellor desenvolvemento da dignidade dos pobos.
Desempeñou diversos cargos tanto na administración pública como na empresa privada; acadou importantes recoñecementos ao seu labor, entre eles, a Orde das Artes e das Letras de España, o Premio Nacional das Letras Españolas ademais de ser membro da Real Academia da Lingua Española.
Nos últimos anos escribiu o prólogo de Indignádevos, de Stéphane Hessel e a súa propia obra Reacciona; neles denuncia o neoliberalismo e o capitalismo salvaxe como causas da decadencia moral e social de occidente. Con ambas aportacións contribuiu a alentar os movementos de protesta do 15 M en Madrid e outros lugares. Na súa memoria, enlazamos esta entrevista:
15/04/13
Jean-Luc Martínez, director do Museo do Louvre
Profesor de Historia da Arte, historiador e arqueólogo, Jean-Luc Martínez vén de ser nomeado director do Museo do Louvre. Apaixoado polo seu traballo e especialista en Grecia, participa nas excavacións de Delfos e desempeña posteriormente o cargo de xefe do departamento de antigüidades gregas, romanas e etruscas de dito museo.
De orixe humilde, Martínez é un cidadán francés fillo e neto de españois, nado nun barrio pobre do norte de París que acada a dirección do museo máis visitado do mundo. Esta circunstancia apoia a importancia que tén o ensino público como promotor da igualdade de oportunidades.
05/04/13
Estatísticas lectura 2º trimestre
Estes son os datos do préstamo nesta biblioteca durante o segundo trimestre. Cabe destacar o ascenso no préstamo de audiovisuais e o descenso no préstamo de libros con relación ao mesmo período do curso pasado. Estes feitos quizais poidan xustificarse por unha demanda crecente do cine entre o noso alumnado e por unha menor duración da 2ª avaliación no presente ano escolar.
29/03/13
Seguiremos - Hospital Sant Joan de Déu e Macaco
Os nenos e nenas da planta de Oncoloxía do Hospital Sant Joan de Déu, e os profesionais e voluntarios que os acompañan no centro, cantan xunto a Macaco a canción "Seguiremos", unha mensaxe de esperanza para concienciar sobre a importancia da investigación na loita contra o cancro infantil.
Se queres contribuír a finanzar esta loita contra o cancro podes facer o teu donativo en obrasocialsantjoandedeu.org
16/03/13
Unha curta recortada
En pouco máis dunha semana e con case 55.000 visitas, arrasa na rede este vídeo do Colexio Público Vicente Ferrer de Valderrobres, unha pequena vila da provincia de Teruel; nel non falta o humor, que sen embargo non esconde o negro porvir da educación se o recortes continúan.
En palabras de Lorenzo Latorre, xefe de estudos do colexio e realizador do vídeo: "Queríamos que se moviese en nuestra zona y se ha extendido muchísimo gracias a las redes sociales. Queremos difundirlo para que todo el mundo sepa lo que está sucediendo, porque de los recortes en sanidad somos todos conscientes, pero en educación solo se entera quien tiene hijos o está involucrado de alguna manera".
13/03/13
Encontros PLAMBE 2013
Á presente edición dos Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares asistimos 504 representantes doutros tantos centros de ensino de Galicia. Tivemos a ocasión de escoitar a José Manuel Pérez Tornero, director do grupo de investigación Gabinete de Comunicación e Educación e catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, disertando sobre Pensamento crítico e comunicación.
Das experiencias de centros, asistimos á interesante exposición do compañeiro do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, titulada Compartindo contos, coa que levaron a lectura máis aló dos muros do seu recinto, aos centros de Primaria veciños e ao mesmo mercado da vila.
Antonio Rodríguez Menéndez, promotor de varias iniciativas en favor da lectura (Proxecto Fahrenheit 451, Escuela de Lectura de Madrid e La voz a ti debida) é partidario da palabra vinculada, palabras humanas que crean cercanía. Para el todas as palabras son vinculadas se sabemos entregalas a aqueles con quen queremos establecer un verdadeiro vínculo, un encontro coa súa maneira de entender a vida.
Pero, sen dúbida, todos lembraremos esta xuntanza pola emotiva e entrañable conferencia de clausura que correu a cargo de Agustín Fernández Paz, recentemente nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Percorrendo a súa infancia e adolescencia, amosou un camiño para construir lectores, que pasa ineludiblemente pola afectividade e polo exemplo insubstituible das persoas máis próximas ao neno. Ao docente correspóndelle ser o mediador que fai posible o encontro do alumno cos libros e emprender a revolución da lectura, imprescindible para conseguir sociedades democráticas.
09/03/13
One woman
Este é o título da canción coa que artistas de todo o mundo promoven os dereitos das mulleres e a igualdade de xénero. Sete de cada dez mulleres no mundo sofren a violación dos seus dereitos como persoas. Como ben di a letra de One woman, se todos e todas nos unimos poderemos superar a violencia e a discriminación. Únete !!!
Agradecemos o enlace aos compañeiros do IES Lucus Augusti.
Agradecemos o enlace aos compañeiros do IES Lucus Augusti.
07/03/13
Día Internacional da Muller Traballadora
Para conmemorar esta data mostrámosvos en seis minutos a contribución de mulleres Premio Nobel en diversos ámbitos da ciencia. Grazas a todas elas porque, superando grandes obstáculos en tempos aínda máis difíciles, foron capaces de procurarnos un mundo mellor.
28/02/13
Luis Sagi-Vela
Vén de falecer en Madrid, na mesma cidade onde naceu case 99 anos antes, o barítono Luís Sagi-Vela, un dos mellores cantantes de zarzuela e ópera do século XX. Fillo de Emilio Sagi Barba (barítono) e Luisa Vela (soprano), chegou a ter cincuenta obras no seu repertorio, que interpretou con precisión e elegancia.
Trala Guerra Civil española viviu algún tempo en América, onde tamén acadou gran recoñecemento. De volta a España, retírase da escea aos corenta e seis anos, pero segue ligado á música no eido da industria fonográfica española: preside a compañía EMI, funda Zafiro e Iberofon. Nos últimos anos adica o seu tempo á súa gran paixón, a música, e a mimar a súa valiosa colección de discos.
24/02/13
19/02/13
Aprender a buscar na rede
Da man de dúas estimadas compañeiras, Olga Rodríguez do CEIP de Malpica e Charo Sánchez-Gabriel do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, chéganos este magnífico traballo sobre a búsqueda de información en internet, que enlazamos inmediatamente, co seu permiso.
Este é o enlace á versión resumida para imprimir, que aconsellamos ter á man á hora de facer un traballo de investigación.
16/02/13
Grazas, Grecia!
Porque desde moito antes da crise dos mercados, da prima de risco, dos produtos subprime e das políticas antisociais que estamos a vivir, todos tiñamos con Grecia unha débeda impagable que polo menos debemos recoñecer.
A seguir, o vídeo do IES Ingeniero de la Cierva, de Murcia, todo un éxito mundial a través da Rede.
13/02/13
Guía para ver, ler e escoitar ... AMOR
.jpg)
Achegamos unha selección de fondos da biblioteca cos que podemos disfrutar vendo, lendo e escoitando historias de amor ben diferentes: amores reais, fantásticos, con final feliz ou imposibles... películas que non se poden esquecer por unha ou outra razón, novelas que non nos deixan indiferentes, óperas que nos brindan a posibilidade de disfrutar das mellores voces interpretando fermosísimas pezas teatrais nas que o amor é o tema fundamental. Esto e moito máis xa está á vosa disposición.
Pica aquí.
Pica aquí.
12/02/13
Fermosa Historia da Música ilustrada
Quen dixo que a Historia da Música é difícil? Se queredes ter en menos da sete minutos unha visión rápida e ilustrada, aquí tedes este video. Instructivo e divertido!!!
05/02/13
30/01/13
Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa
Agustín Fernández Paz, o ilustre escritor vilalbés, vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, polos seus "méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.
Autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil, así como de narrativa para adultos, ensaios e obras colectivas, consegue captar como poucos a atención dos lectores. Defensor e promotor do emprego e a dignificación da lingua galega e namorado da súa profesión, o ensino, soubo comunicar a cantos o escoitamos as súas inquedanzas innovadoras na pedagoxía. Tiven a sorte de asistir a algunhas xuntanzas que faciamos un grupo de mestres no comezo dos anos oitenta na zona de Ferrolterra para tentar renovar a nosa bagaxe docente e alí estaba el, falando de Freinet, de Rodari, de obradoiros, de diferentes recantos na aula... e de tantos conceptos didácticos que hoxe seguen vixentes.
29/01/13
Fina Casalderrey, académica
Fina Casalderrey Fraga, mestra e escritora galega (Pontevedra, 1951) ven de ser elixida académica da Real Academia da Lingua Galega. Son moitos os seus méritos: máis de cincuenta obras, algunhas delas traducidas a varias linguas (catalan, bretón, castelán, euskera, portugués...), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, e Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil por O estanque dos parrulos pobres; méritos aos que engadimos dende agora o de ser a quinta muller nesta Academia e o de ser unha excelente representante da literatura infantil e xuvenil en tan ilustre institución.
Se queredes saber os libros desta escritora que hai na nosa biblioteca, pinchade aquí.
15/01/13
La Verbena de la Paloma
La Verbena de la Paloma, zarzuela con texto de Ricardo de la Vega e música de Tomás Bretón, foi representada con grande éxito nos auditorios de Xove, Vilalba e Lugo. Trátase dunha iniciativa na que colaboraron a aula de canto do Centro de Música Fingoi, a Orquestra de Xove e a Escola de danza Teresa Neri. Este extraordinario traballo foi coordinado e dirixido artísticamente por Pilar Martínez (Pilocha), con coreografía de Teresa Neri, dirección escénica de María Barcala e dirección musical de Xan Carballal.
Disfrutamos do bo son da orquestra de Xove acompañando a representación e do coro de adultos de Fingoi, que dirixe Paloma Suances, interpretando as pezas corais da obra. Entre os personaxes, queremos destacar a Darío Sánchez, no papel de taberneiro, a Francisco Fernández e Ángel Lage nos papeis de mozo 1 e mozo 2, respectivamente; dos cales, o primeiro e o terceiro son profesores no noso instituto, e o segundo, alcalde da vila. Todas as actuacións foron excelentes, sen dúbida, pero aquí salientamos a Santiago Díaz de Freijo, Silvia Nadela, Manuela Guardado e Javier Rodríguez, membros do Orfeón Lucense e a estupenda interpretación de Esperanza Iglesias (Susana), profesora neste centro; Pilocha (Seña Rita); Josefina Ledo (tia Antonia) e Marcos Manuel Fernández Mosquera (Julián), director adxunto do Orfeón Lucense; quen, ademais de deleitarnos coa súa magnífica voz, mostrou unha faceta de excelente actor, para nós descoñecida.
Como dixo Pablo Coria no blog da Orquestra de Frautas de Galicia, lembraremos por moito tempo que estivemos alí.
Bravo por eles!!!
21/12/12
10/12/12
Dereitos Humanos
Hai uns 60 anos que se aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Este acontecemento supoñía por primeira vez o recoñecemento consensuado dos dereitos básicos e das liberdades fundamentais inherentes a todo individuo, polo feito de ter nacido. Cada 10 de decembro é unha invitación á reflexión sobre a situación no mundo e no entorno que vivimos. Vaian como ilustración as seguintes imaxes.
04/12/12
Caballero Bonald, Premio Cervantes 2012
José Manuel Caballero Bonald, (Jerez de la Frontera, 1926), poeta, novelista e ensaísta foi galardoado co Premio Cervantes 2012. Este mérito é o máis grande en lingua castelá e concédeo o Ministerio de Cultura a proposta das 22 Academias da Lingua de fala hispana, cunha dotación de 125.000 €.
Caballero Bonald pertence á “xeración do cincuenta", da que forman parte autores como Antonio Gamoneda, Juan García Hortelano, Ángel González, Jaime Gil de Biedma, José Ángel Valente e Claudio Rodríguez. Da súa extensa obra, destaca a poesía, que el define como unha "mezcla de música e matemáticas", cuxo último traballo vén de publicar: unha autobiografía nun só poema de 3.000 versos titulada Entreguerras.
A fundación que leva o seu nome ten como finalidade a conservación e difusión da súa obra e a promoción da cultura en xeral e da literatura en particular.
Se queres ler a súa poesía, entra aquí.
Esta é unha mostra dela:
Esta é unha mostra dela:
Espera
Y tú me dices
que tienes los pechos vencidos de esperarme,
que te duelen los ojos de tenerlos vacíos de mi cuerpo,
que has perdido hasta el tacto de tus manos
de palpar esta ausencia por el aire,
que olvidas el tamaño caliente de mi boca.
Y tú me lo dices que sabes
que me hice sangre en las palabras de repetir tu nombre,
de golpear mis labios con la sed de tenerte,
de darle a mi memoria, registrándola a ciegas,
una nueva manera de rescatarte en besos
desde la ausencia en la que tú me gritas
que me estás esperando.
Y tú me lo dices que estás tan hecha
a este deshabitado ocio de mi carne
que apenas sí tu sombra se delata,
que apenas sí eres cierta
en esta oscuridad que la distancia pone
entre tu cuerpo y el mío.
24/11/12
25 de novembro
Cada ano nesta data danse a coñecer estatísticas sobre o incremento das diferentes formas de violencia de xénero. Así están as cousas: Aumentan os casos entre as mulleres máis xoves, ao que contribúe a comunicación mediante as redes sociais. Crece o número de mulleres que renuncian a seguir cun proceso por violencia machista... E, por se fora pouco, o aumento das taxas xudiciais vai frear a loita contra a mesma.
A axuda legal para quen pida protección por violencia de xénero e as medidas disuasorias para o maltratador son insuficientes se non van acompañadas de cambios máis fondos que pasan inevitablemente pola educación en igualdade
23/11/12
Novidades novembro
15/11/12
Xornadas das Bibliotecas Escolares 2012
Ler para ver foi o lema elixido este ano para esta xuntanza en alusión á necesidade de que as bibliotecas escolares deben facilitar o desenvolvemento da competencia en información do noso alumnado, nun mundo dixital, globalizado e infoxicado (Daniel Cassany).
Como sempre, o evento cumpriu coas espectativas dos asistentes. Do programa, queremos destacar polo seu interese as intervencións dos ponentes invitados: Fabio Tropea, profesor de Semiótica e de Teoría da Comunicación da UAB e da Universidade Pompeu Fabra, quen pronunciou a conferencia inaugural Ler entre liñas e pantallas; Tíscar Lara, xornalista e Directora de Comunicación da Escola de Organización Industrial, que disertou sobre Medios de comunicación, aprendizaxes dixitais e bibliotecas escolares e Luís González, director Xeral Adxunto da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, quen puxo o peche ás xornadas con Lectura no século XXI e biblioteca escolar.
Destacamos por descoñecida e atractiva para nós a Animación na escola, con Eva Mejuto (Nós tamén creamos) e Rafael Sánchez-Agustino. Especialmente agradable a ponencia de Belén Regueira, xornalista con experiencia en radio e tv, sobre a Radio dos nativ@s dixitais e moi interesante a experiencia de radio nun instituto, con Marta Pumares.
Grazas a Cristina e Pilar por facer que cada vez medre o interese por todo isto.
09/11/12
30/10/12
Máis artísticas
Este é un vídeo colaborativo do grupo Masartísticas, en defensa da presenza deste tipo de ensinanzas no currículo. Invitámosvos a reflexionar sobre o que aprendemos na clase de música, ademais dos contidos propios da materia. Posto que "nada hai no intelecto que antes non pasara polos sentidos" (Aristóteles), apoiar as artísticas nos contidos do ensino obrigatorio é dotar a escola das ferramentas para o desenvolvemento harmónico da sensibilidade que, a fin de contas, fai dun individuo unha mellor persoa.
24/10/12
Sierra i Fabra, Premio Cervantes Chico
Jordi Sierra i Fabra foi galardoado co Premio Cervantes Chico polo conxunto de toda a súa obra e o compromiso cultural das Fundacións Jordi Sierra i Fabra en España e Colombia. A Asociación de Libreiros e Papeleiros, en colaboración co concello de Alcalá de Henares, ven organizando este evento desde 1992 para premiar a escritores senlleiros da literatura infantil e xuvenil.
Nado en Barcelona en 1947, foi fundador e director de diversas revistas xuvenís, tamén crítico e estudioso da música pop e dende 1977 adícase plenamente á literatura; faceta na que cultiva diversos xéneros, sendo un dos autores máis lidos polos xoves.
12/10/12
Cantigas de amigo
A agrupación coral Cantar delas, dirixida por Fernando G. Jácome, transpórtanos ao século XIII cunha actuación no Museo Provincial, na que poderemos escoitar unha selección de Cantigas de Santa María e de Cantigas de amigo.
Cantar delas, dende o 2007, é unha das moitas agrupacións corais que poñen son ás xornadas culturais lucenses. Está composta soamente por mulleres e actuará acompañada polo grupo Tundal, integrado nesta ocasión por Antón Castro (zanfona, mandolina), Manuel Darriba (acordeón), Pedro Lucas (frauta), Miguel Díaz (clarinete, frautas), Xoán Fuertes (violín, oud, bouzouki) e Xosé Luís Ansemil (percusión).
Tundal é unha agrupación de música tradicional de nº de compoñentes non fixo, que interpreta, tanto vocal como instrumentalmente, cantares de cego, romances, cantigas e pezas para seren bailadas.
É un bo motivo para ir o domingo, día 13, ao Museo. Velaí o programa.
11/09/12
Benvidos ao curso 2012-2013
Rematado o descanso, toca comezar outra vez. Esperamos que o lecer nos recargara da enerxía precisa para afrontar o reto dun novo curso. Como aperitivo, vai esta mostra das quince bibliotecas máis fermosas do mundo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Compromisos
Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.