15/09/25

7 palabras que en galego significan unha cousa e en castelán outra moi distinta

As linguas próximas entre si, como o galego e o castelán, comparten moito vocabulario, mais tamén agochan trampas. Hai palabras que se escriben ou pronuncian case igual, pero que teñen significados moi distintos. A isto chámaselle falsos amigos.

Os falsos amigos son palabras que, polo seu aspecto semellante, fan que as confundamos cun significado que non lles corresponde. A maioría dos galegofalantes detectan facilmente estas diferenzas, mais, ás veces, cólanse na nosa fala sen decatármonos, especialmente ao traducirmos literalmente expresións do castelán. Neste artigo traémosche sete palabras que significan unha cousa en galego e outra moi distinta en castelán.

Almorzar

Para os galegos e galegas almorzar é tomar o almorzo, isto é, a primeira comida do día que adoita ir acompañada dun café. Porén, en castelán almorzar é o que para nós é xantar, é dicir, a comida do mediodía. Curiosamente, en Portugal, o jantar é a nosa cea.

Desenrolar

Outra das palabras tramposas é desenrolar. En castelán, desarrollar pode referirse a facer medrar algo, traballar unha idea ou executar un proxecto. En galego, desenrolar ten un significado moito máis literal: quitar o rolo a algo. Por exemplo: desenrolar un cabounha venda ou un rolo de papel.

Para falar de evolución, progreso ou execución dun proxecto, a palabra axeitada é desenvolver“desenvolver unha idea”, “desenvolver unha competencia” etc.

Largo

Outra palabra que xera confusión é largo. En castelán, cando alguén di “la mesa es muy larga”, está a referirse á súa lonxitude. Pero se en galego dicimos “a mesa é moi larga”, o que realmente estamos dicindo é que é moi ancha, non longa.

En galego, largo significa ancho, mentres que para falar da lonxitude usaremos longo ou longa. Así que se queres describir correctamente esa mesa no noso idioma, deberías dicir “a mesa é moi longa”. É un erro moi común ao traducir directamente do castelán sen pensar no cambio de significado.

Rato

Pasamos agora a rato. En castelán, “venir en un rato” significa chegar en pouco tempo. Pero se traducimos iso literalmente ao galego e dicimos “veño nun rato”, o que estamos dicindo é que vimos subidos enriba dun roedor.

En galego, rato non ten connotación temporal, senón que se refire exclusivamente ao animal ou ao aparello electrónico. Na nosa lingua, para expresar que imos en pouco tempo, diríamos cousas como “veño nun momento”“veño decontado” ou “veño nun intre”.

Reparar

Reparar tamén ten o seu aquel. En castelán, reparar é sinónimo de arreglar“reparar una moto”. Porén, en galego, cómpre empregar os verbos arranxar ou amañar para falar de cousas que se descompoñen: “amañei a porta”, “arranxei o computador”.

Ambas as linguas si coinciden no significado de reparar cando se refire a fixarse en algo ou decatarse, nun uso moi estendido. Por exemplo: “non reparei en que hoxe era domingo”.

Roxo

A palabra rojo en castelán tradúcese ao galego como vermello. Non hai dúbida de que un “coche rojo” é un coche de cor vermella. Porén, en galego roxo significa outra cousa moi distinta. Pode referirse a algo que está moi quente, como “o ferro estaba roxo”, ou tamén á cor do cabelo que tira a dourado ou cobre escuro.

Rubio

Outra palabra que adoita xerar confusión é rubio. En castelán, unha persoa rubia é aquela que ten o pelo claro, tirando a amarelo. En galego, non. Na nosa lingua esa cor de cabelo chámase louro e non *rubio.

A palabra rubio en galego úsase para describir a cor do cabelo ou do pelo tirando a vermello, acastañado ou cobre, o que en castelán sería pelirrojo. Polo tanto, se dis que alguén é rubio en galego, non estás dicindo que é louro, senón que ten o pelo avermellado.

11/09/25

Bo día ou bos días? Os saúdos en galego

Neste artigo, imos explorar as fórmulas máis habituais para saudar e despedirse en galego, tanto as máis formais como as máis coloquiais. Así poderás escoller a máis axeitada en cada contexto e comunicarte con naturalidade, sexa nun ámbito profesional, entre amizades ou no día a día.

Saúdos en galego

O saúdo máis habitual en galego, tanto en contextos formais como informais, é un simple ola, usado en calquera momento do día. Se queremos ser máis específicos, empregamos fórmulas como bo día, pola mañá, boa tarde, desde o mediodía ata a noite, e boa noite, cando xa é de noite ou antes de marchar a durmir.

Como curiosidade, antigamente era común saudar facendo un chapeirazo, un xesto que consistía en levantar lixeiramente o chapeu e facelo oscilar en sinal de respecto. Este saúdo, moi habitual entre homes, era especialmente frecuente en contextos formais ou cando se saudaba unha persoa de maior idade ou rango.

Ollo! As formas bos días, boas tardes, boas noites non son incorrectas, mais non se recomenda o seu uso. Prefírese usar a forma en singular ao igual que se fai noutras linguas románicas: bonjour (francés), buongiorno (italiano) e bom dia (portugués).

Despedidas en galego

Á hora de despedirse en galego, temos varias opcións segundo o grao de confianza e a situación. As máis habituais son abur, unha despedida coloquial e moi común, adeus, máis neutra e universal, e chao, unha forma informal compartida con outras linguas.

Tamén podemos empregar expresións que indican que nos veremos máis tarde, como deica agora (vémonos en seguida), deica logo (ata logo), ou deica un pouco (vémonos en breve). Estas fórmulas, propias do galego, engaden matices de proximidade e espontaneidade ás nosas despedidas.

Setembro, este ano, campión astronómico

10/09/25

Setembro!

 Estamos xa de volta e as clases comezaron de novo. Tamén a Biblioteca abrirá en breve as súas portas e recuperaremos a formación de usuarios, os préstamos, a Hora de Ler e as demais actividades lectoras. Este curso, ademais, o equipo da Biblioteca renovarase a fondo con persoas novas e novas ideas.

E para irmos comezando, se vos parece, podemos facelo cunha escolla de refráns sobre este mes que, como tantas veces, agradecemos a Orgullo Galego. Aí vos van:


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.