Se algunha vez dixeches currículum vítae, in extremis ou mea culpa, parabéns, acabas de falar latín! Mais sabes realmente que significan estas expresións? Vexamos algunhas das máis usadas e o seu significado.
Que son os latinismos?
Os latinismos son palabras ou expresións que o galego (e outras linguas) herdaron directamente do latín. Moitas mantiveron a súa forma orixinal, sobre todo en ámbitos como o dereito, a medicina, a ciencia ou a filosofía.
O galego conservou moitos latinismos crudos porque en determinados contextos dánlle máis precisión e formalidade ao discurso. Outros, pola súa extensión no uso, xa forman parte da lingua cotiá.
Latinismos en galego e o seu significado
O latín da vida cotiá
Sen te decatares, empregas expresións latinas en conversas do teu día a día.
- Álter ego → Persoa en quen outra confía plenamente, podendo representala sen restricións. Ex.: Co tempo, converteuse no álter ego do presidente da compañía.
- Ex professo → Cun único propósito ou a propósito. Ex.: Veu desde o estranxeiro ex professo para asistir á cerimonia. Deixei ex professo este tema para o final.
- In extremis → No último momento, nunha situación límite. Ex.: Salvárono in extremis.
- Ipso facto → De inmediato, sen demora. Ex.: Necesito que mo envíes ipso facto.
- Motu proprio → Por iniciativa propia, sen que ninguén o pida. Ex.: Decidiu dimitir motu proprio.
- Mea culpa → Por culpa miña. Ex.: O equipo recoñeceu o erro e entoou o seu mea culpa.
- Grosso modo → A grandes trazos, sen entrar en detalles. Ex.: Grosso modo, esa é a idea principal.
- Modus vivendi → Forma de vivir ou estilo de vida. Ex.: O seu modus vivendi baséase en viaxar e traballar en remoto.
O latín da vida académica e profesional
Algunhas expresións latinas mantivéronse na linguaxe formal, sobre todo en ámbitos como o ensino, a ciencia ou a burocracia:
- Alma máter → A universidade ou institución que formou a unha persoa. Ex.: A UDC foi a miña alma máter.
- Currículum vítae → A traxectoria profesional dunha persoa. Ex.: Envíanos o teu currículum vítae.
- Ex aequo → Con igual mérito.Ex.: O primeiro premio foi concedido ex aequo a dúas poetas.
- Honoris causa → Un título concedido a alguén polos seus méritos, sen necesidade de cumprir os requisitos académicos habituais. Ex.: Nomeárono doutor honoris causa.
- Lapsus cálami → Erro cometido ao escribir. Ex.: A présa con que se escribiu o texto xustifica os lapsus cálami que se observaban na súa redacción.
- Lapsus línguae → Equivocación ao falar. Ex.: O conferenciante rectificou e pediu desculpas polo inoportuno lapsus línguae que cometera.
- Per cápita → Por cabeza, por persoa. Ex.: O consumo de leite per cápita reduciuse nos últimos anos.
O latín do dereito e da retórica
O dereito e a argumentación seguen cheos de expresións latinas que dan rigor ao discurso. Quizais algunha vez escoitaches estas:
- Ad hoc → A propósito, para un fin determinado. Ex.: Creouse unha comisión ad hoc. Tamén pode usarse como adxectivo para indicar que algo é moi apropiado. Ex.: Sempre ten a resposta ad hoc.
- Ad hóminem → Argumento que ataca á persoa en lugar da súa opinión. Ex.: Non se debe caer en falacias ad hóminem nun debate.
- In medias res → No medio do asunto. Ex.: O relato comeza in medias res.
- Mutatis mutandis → Aplicando os cambios necesarios. Ex.: Esta regra pode aplicarse, mutatis mutandis, a outras situacións.
- Per se → En si mesmo, pola súa propia natureza. Ex.: O problema non é o imposto per se, senón a súa aplicación.
- Ex cáthedra → Falar con autoridade absoluta, sen admitir discusión. Ex.: Sempre opina ex cáthedra, coma se fose infalible.
O latín da medicina e da ciencia
A ciencia e a medicina conservan moitos termos en latín, especialmente para describir procedementos e estudos:
- In vitro → Experimentos feitos nun medio artificial, fóra dun ser vivo. Ex.: A fecundación in vitro permitiu a moitas familias ter fillos.
- In vivo → Experimentos realizados en organismos vivos. Ex.: Fixeron probas in vivo para comprobar a eficacia da vacina.
Conclusión: o latín vive no galego
O latín segue presente na nosa lingua moito máis do que pensamos. A súa pegada mantense en expresións técnicas, xurídicas, científicas e cotiás. Agora que xa sabes que falas latín sen sabelo, fíxate ben nos teus discursos e verás como estas locucións aparecen máis veces do que imaxinas!
E ti, cal destas expresións usas máis a miúdo? Déixamo nos comentarios!
Ningún comentario:
Publicar un comentario