26/09/24

No Día Europeo das Linguas, a nosa

 DEITADO FRENTE AO MAR, de Celso Emilio Ferreiro

Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta,
porque me peta e quero e me dá a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a gravata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos nus.

Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

Longa noite de pedra, 1962

Oxalá...!

Non se chama "bable"


 

24/09/24

Convocatoria

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca anualmente o programa Xuventude Crea, un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación.

 
Nesta convocatoria, novas categorías!!
O prazo de presentación remata o 10 de outubro
 
 
Toda a información dos requisitos e das diferentes categorías na web de Xuventude

https://xuventude.xunta.es/xuventude-crea

 

Chus Pato, Premio Nacional de Poesía


Esfórzome por recordar un soño

a pedra comida polo sal, pola friúra
é inverno
ou ben son as augas torrenciais dos equinoccios
ou mellor a luz é reflectida pola pedra
o soño, espello (ría)
na xuntura das lousas
vertixinosa
no beiril, batida (ninguén podería vivir aquí)
Resistencia
igual que resisten as palabras
unha flor
unha flor imposíbel
un níscaro
mariño
un relato nupcial
de amor
de intercambio
unha transferencia
mercurio, azougue, algo relacionado coa luz
coas metamorfoses do espírito
cobre diluído
disolución
espello e brasa
atopo a palabra “solimán” nos escritos de Kratevas
na versión que de Kratevas me fai chegar Antonio
Gamoneda
ecos
nos adros
o poder benéfico do fungo
(obsesión polo mar, pola perda)
fragmentos de Ingeborg
a canción que se pronuncia
quen pronuncia a canción, sen comprender
as palabras, o significado?
marco nesa lingua que descoñezo a pulsión
—quero ser xinete
imán
—non podería precisar se busco a definición canónica
da metáfora
ou se xa aquí, neste fragmento, reflexiono ou non sobre
a metáfora
sobre un novo concepto de metáfora que non podo aceptar
a respecto da linguaxe poética
natureza, esta, a única que podo recoñecer
o desexo, o escritorio de castiñeiro
a herdanza do pai
Mefisto fronte á herdanza paterna
cápsula nupcial
son eu quen se desposa
imposíbel flor mariña
fóra da perpetuación
o meu tránsito no frío.

17/09/24

Bases

 Lémbrannos do Concello de Dodro que ata o día 23 de setembro está aberto o prazo de presentación de obras candidatas ao XXXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, cuxas bases poden consultarse nesta ligazón.

Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.