O mes de marzo é un tempo de cambios: o inverno vai rematando e a primavera asoma. Na cultura popular galega, este mes está cheo de refráns meteorolóxicos e agrícolas que reflicten a incerteza do clima e a importancia deste período para os labregos.
Que nos din os ditos sobre marzo? Vexamos algúns dos refráns máis coñecidos neste traballo de As chaves da lingua.
Refráns de marzo
Refráns sobre a predición do tempo
- Cando febreiro non febreirea, marzo marcea.
- Cando marzo abrilea, abril marcea.
- Cando marzo maiea, maio marcea.
- Marzo marzola, trebón e raiola.
- Marzo pardo, abril chuvioso e maio ventoso, fan o ano fermoso.
- O sol de marzo queima as donas no seu pazo.
Refráns sobre animais
- Chuvia en marzo, nin a mexadura dun gato.
- Cobras en marzo, neve en abril.
- En marzo, nin o rabo do gato mollado.
- Entre marzo e abril o cuco ha de vir.
- Marzo marzán, pola mañá cara de rosa e pola tarde cara de can.
Refráns sobre a agricultura
- Quen en marzo non poda a súa viña, perde a vendima.
- Se no marzo ves tronar, arromba cubas e lagar.
- Vendima no regazo, aquel que poda en marzo.
Refráns sobre santos
- Día de san Xosé, primeira anduriña se ve.
- Polo san Matías, marzo ós cinco días.
- Por san Reimundo a anduriña vén do outro mundo.
Os refráns galegos sobre marzo móstrannos a sabedoría dos nosos devanceiros, que aprendían do clima observando a natureza. Moitos destes ditos seguen vixentes hoxe en día, sobre todo no mundo rural.

Ningún comentario:
Publicar un comentario