Se algunha vez dubidaches entre andou ou andivo, entre durmimos ou dormimos, ou non tiñas claro como conxugar un verbo, non es a única persoa con esa pregunta. Os verbos son un dos aspectos máis complexos do galego, mesmo para persoas que levan toda a vida empregando a lingua.
Para resolver este problema nace Verbos.gal, unha aplicación experimental creada especificamente para responder calquera dúbida relacionada cos verbos en galego.
Verbos.gal é un chatbot experimental especializado nos verbos galegos. Isto significa que podes facer preguntas en linguaxe natural, igual que lle preguntarías a unha persoa, e obter unha resposta ao instante.
Non é un dicionario tradicional nin unha lista estática de conxugacións. É unha ferramenta interactiva que entende o que preguntas e responde de forma directa. Dicimos que é experimental por dous motivos. En primeiro lugar, ata onde sabemos, non existe outra ferramenta similar previa polo que non tivemos nada sobre que basearnos. En segundo lugar, o sistema non é infalible e pode xerar respostas erróneas ou inconcretas que convén contrastar con fontes de confianza. Úsao como o que é, un proxecto experimental.
Que podes facer con verbos.gal?
Verbos.gal permite resolver todo tipo de dúbidas relacionadas cos verbos. Estas son algunhas das funcións principais:
Consultar conxugacións completas.
Comprobar se unha forma verbal é correcta.
Entender fenómenos como a alternancia vocálica.
Resolver dúbidas teóricas (perífrases verbais, cando se usa o subxuntivo ou cal é a diferenza entre pretérito e copretérito).
O funcionamento é moi simple:
- Accedes a verbos.gal
- Escribes a túa pregunta
- Recibes a resposta decontado
Non é necesario coñecer terminoloxía gramatical nin seguir pasos complexos. Podes preguntar directamente o que necesitas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario