03/12/25

Refráns de decembro

Xa está aquí decembro e, polo tanto, é momento para lembrar algún refráns deste mes.

  • "Polo Nadal, frío cordial"
  • "Santo Tomé, agarra o cocho polo pé" (Santo Tomé, 21 de decembro)
  • "No nadal, inverno a fartar"
  • "Nadal e xaneiro fan o inverno enteiro"
  • "Tantos días de sol en Nadal como de auga en san Xoán"
  • "Nadal chuvioso, xaneiro ventoso"
  • "Nas oitavas de Nadal, quen aforra ben se val" (As oitavas son períodos de oito días asociados a unha festividade da Igrexa Católica)
  • "Se o Nadal nada, sinal de boa anada"
  • "Polo Nadal cada ovella ao seu curral"
  • "O que queira ter bo allal, pránteo no Nadal"
  • "Castañas en Nadal, saben ben e prestan mal"
  • "Pola Concepción ningunha galiña pón" (A Concepción de María, 8 de decembro)
  • "Friaxe no Nadal non fai mal"
  • "No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote"
  • "En decembro descansar e en xaneiro traballar"
  • "No mes de Nadal, a carón da lareira vaite sentar"

Aquí podemos observar referencias á vida cotiá na que o clima e os usos relativos á agricultura e a gandaría eran aspectos de gran importancia.

  • "Pola Santa Lucía mengua a noite e medra o día"
  • "Pola Santa Lucía medra o día a pisada dunha galiña"
  • "Santa Lucía o máis pequeno dos días"
Nestes tres refráns observamos unha referencia ao día de Santa Lucía (13 de decembro) como día máis curto do ano e inicio do aumento de horas de luz, o que vén sendo noutras palabras o solsticio de inverno. Isto pode darnos unha pista da antiguidade destes ditos, dado que hai case dez días de desfase co solsticio se situamos isto varios séculos atrás, teriamos que o noso 13 de decembro actual corresponde ao 23 de decembro de vai moito tempo, en concreto, a tempos nos que o calendario vixente era o xuliano e non o gregoriano.

E para rematar, a referencia clara a fin de ano:

  • "San Silvestre, meigas fóra"

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.