29/03/23

Ciberseguridade


O Instituto acolleu hoxe unha charla sobre ciberacoso e perigos na rede impartida por Ramón Peña, axente da Garda Civil especialista en redes sociais e adiccións. Os asistentes foron os alumnos e alumnas de 1º curso da ESO.

Estes días, na prensa...


 (Fai clic na foto para ampliala e ler comodamente)

Hoxe cúmprense 95 anos

Se hai un día sinalado na literatura galega do século XX este é o 27 de marzo de 1928, cando saíron do prelo por vez primeira os dezanove poemas escritos por Manuel Antonio a bordo do pailebote Constantino Candeira.

21/03/23

Día da Poesía

 Este ano, a Real Academia Galega dedica o Día da Poesía á figura do poeta lucense Darío Xohán Cabana, imprescindible e grande entre os grandes, recentemente falecido.

A mellor maneira de que un poeta siga vivo sen dúbida é seguir a ler a súa obra.

17/03/23

APEGO


 Que é o programa APEGO? 

É un programa colectivo creado para axudar a socializar en galego aos nenos e nenas desde o nacemento ata os 6 anos de idade. É un proxecto dos Servizos de Normalización Lingüística de diferentes concellos de Galicia e da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua Galega. Para máis información sobre este programa, podedes chamar ao teléfono 981.704.100, extensión 2750.

Se ademais entras nesta ligazón poderás ler sobre a importancia de escoller o nome a un fillo ou filla, algo que se debe pensar de forma detida. O seu nome será un elemento máis de apego á familia e ás súas orixes que o/a vai identificar e individualizar ao longo de toda a vida e que o/a vai relacionar coa xente, coa contorna, co mundo.

Por estes motivos, propoñémosche que valores a posibilidade de poñerlle un nome en galego.

O antropónimo de cada quen ten unha función identificadora e individualizadora, polo que ten certa importancia que sexa algo orixinal. E un nome galego pode ser unha boa alternativa para iso. Así, podes facer que o teu fillo ou filla teña un nome atractivo e propio que o diferencie dentro da sociedade global.

Ademais, o nome tamén pode ser unha mostra importante da forma de ser e de estar no mundo. En épocas pasadas houbo un empeño en substituír e invisibilizar os nosos nomes propios coa finalidade de que non soasen a galego e, agora, recuperalos contribúe a manter viva a historia e a tradición do noso país. Polo tanto, ti podes contribuír a que o teu fillo ou filla herde e transmita unha parte tan importante do noso pasado dunha forma tan sinxela como é a de pórlle un nome galego, de noso.

Entón, anímaste a que o seu nome sexa, de verdade, propio? Seguro que é un bo comezo.

 

15/03/23

Spirit

Un día de marzo de 2004, unha hora antes do amencer marciano, o robot Spirit do Programa de Exploración de Marte tirou a primeira foto da Terra desde a superficie doutro planeta.