17/03/23

APEGO


 Que é o programa APEGO? 

É un programa colectivo creado para axudar a socializar en galego aos nenos e nenas desde o nacemento ata os 6 anos de idade. É un proxecto dos Servizos de Normalización Lingüística de diferentes concellos de Galicia e da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua Galega. Para máis información sobre este programa, podedes chamar ao teléfono 981.704.100, extensión 2750.

Se ademais entras nesta ligazón poderás ler sobre a importancia de escoller o nome a un fillo ou filla, algo que se debe pensar de forma detida. O seu nome será un elemento máis de apego á familia e ás súas orixes que o/a vai identificar e individualizar ao longo de toda a vida e que o/a vai relacionar coa xente, coa contorna, co mundo.

Por estes motivos, propoñémosche que valores a posibilidade de poñerlle un nome en galego.

O antropónimo de cada quen ten unha función identificadora e individualizadora, polo que ten certa importancia que sexa algo orixinal. E un nome galego pode ser unha boa alternativa para iso. Así, podes facer que o teu fillo ou filla teña un nome atractivo e propio que o diferencie dentro da sociedade global.

Ademais, o nome tamén pode ser unha mostra importante da forma de ser e de estar no mundo. En épocas pasadas houbo un empeño en substituír e invisibilizar os nosos nomes propios coa finalidade de que non soasen a galego e, agora, recuperalos contribúe a manter viva a historia e a tradición do noso país. Polo tanto, ti podes contribuír a que o teu fillo ou filla herde e transmita unha parte tan importante do noso pasado dunha forma tan sinxela como é a de pórlle un nome galego, de noso.

Entón, anímaste a que o seu nome sexa, de verdade, propio? Seguro que é un bo comezo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.