24/06/15

Guía de verán 2015

Estas son algunhas recomendacións de lectura para este tempo reparador. Esperamos que vos sexan proveitosas. Bo verán!!!


Pica na imaxe para acceder

15/06/15

Estatísticas préstamo 2014-2015

Este é o resultado en cifras do préstamo na nosa biblioteca durante o curso 2014-2015 e o seu incremento respecto do ano anterior.

09/06/15

Un único soño

E a seguir publicamos o relato que obtivo o segundo premio no concurso das Letras Galegas do Instituto. A súa autora é Anabel Cruz Ribeiro, alumna de 1ªESO-B. 
Parabéns.


Ás veces as persoas temos moitos soños e vivimos desexando que se cumpran algún día, pero unha rapaza duns dez anos dunha vila do norte de Galicia chamada Xulia, ten un único soño: poder vivir nun mundo no que non haxa guerras, desigualdades, pobreza… E ela quere loitar por el cando sexa maior. A Xulia non lle gusta ver o telexornal porque se pon moi triste ao ver tanta xente pelexándose, roubando, matando…

-Papá, por que a xente e tan mala? -pregúntalle Xulia sempre ao seu pai.

-Esa é unha boa pregunta, pero eu non sei como contestarcha -dille case sempre seu pai.

Moitas noites Xulia vai chorando para a cama pensando en toda a xente que non ten onde durmir nin nada que comer. Un día normal de escola, Xulia vístese para ir a escola algo triste polo que escoitou onte na radio, ían desaloxar unha familia de Lugo por non poder pagar o aluguer do piso.

-Bos días -saudou Xulia á súa mellor amiga, Gloria.

-Bos días Xulia, nótote un pouco triste, é polo que dixeron onte na radio?

-Si, xa sabes que me da moita pena iso.

-Pois téñoche unha boa noticia, a miña tía formou una ONG, chámase “Unidos por un mundo mellor”. Se queres, podes formar parte dela, só tes que ir ao lugar no que está e pedirlles que che fagan socia.

Xulia botou toda a mañá moi contenta pensando no que lle dixera Gloria. Pola tarde cando acabou de estudar foi a ONG e pediulles que a fixeran socia pero dixeron que non podían porque era menor de idade. Xulia moi desilusionada volveu para a súa casa cos ollos cheos de lágrimas. Cando ía abrir a porta atopouse con seu pai, seu pai notoulle que lle pasaba algo e díxolle que fora para ao seu cuarto que ían falar do que lle pasaba.

-Que che pasa tesouro? Sabes que me tes aquí para o que sexa; anda, dime que che pasa.

-É que Gloria me dixo que a súa tía formara unha ONG e que eu podía formar parte dela. Pero cando fun alí para formar parte dela dixéronme que non podía ata que fora maior de idade -dicía Xulia chorando.

-Tranquila, non te preocupes. Se te fai máis feliz podo facerme socio eu e doar uns poucos cartos todos os meses para a xente que máis o necesita, dixo o pai cun pequeno e tímido sorriso para que a súa filla se alegrase un pouco.

-Farías iso por min? Moitas grazas papá, es o mellor pai de todo o mundo, quérote moito -dicía Xulia xa máis tranquila e contenta.

-Eu tamén te quero, corazón.

Xulia, xa máis tranquila baixou a xogar ao xardín o pouco que quedaba de tarde. Cando chegou a hora de cear entrou na casa cun sorriso amplo e foi lavar as mans antes de sentarse á mesa; cando chegou á cociña estaban dando o telexornal e ao velo borróuselle o sorriso que tiña na cara, o seu pai notoullo e cambiou rapidamente de canal pero a noticia xa estaba gravada na súa mente: dezaoito persoas mortas nun atentado.

-Xulia, contra iso non se pode facer nada.

Pero Xulia non o escoitou e foise para a cama sen comer, chorando. Gustaríalle que as persoas se concienciaran do dano que fan cando fan esas cousas e que a xente que pode intentar paralos faga algo.

Pasaban os días e Xulia seguía triste porque no telexornal non saían máis que roubos, atentados… Como o pai de Xulia vía que ela seguía triste, decidiu formar parte dunha asociación para enviarlle alimentos á xente dos países pobres; facendo isto conseguiu animala un pouco.

-Moitas grazas, papá, es o mellor do mundo.

-E ti a mellor filla -dicía o pai despois dun forte abrazo.

Pasaban os días, os meses… e estas cousas non paraban e Xulia concienciouse de que ela non podía facer nada contra iso a parte de que era moi pequena. Fíxose unha promesa a si mesma: cando fose maior ía estudar medicina e ía ir a traballar aos países países máis necesitados.

Co tempo Xulia medrou e, agora, xa era unha muller. Estudou medicina como prometera hai tempo e agora estaba traballando nos países pobres e tamén formaba parte dunha ONG que repartía alimentos e roupa. No seu tempo libre tamén escribe historias, esta escribiuna ela e dedícalla ao seu pai que recentemente faleceu.

Papá, esta historia só é unha pequena parte da nosa historia. Moitas grazas por axudarme sempre e á xente necesitada cando eu cho pedía. Un bico moi grande: nunca te olvidarei, sempre estarás ocupando un oco moi importante no meu corazón.
Asinado: Xulia

08/06/15

Ir en barca á escola

O primeiro premio do concurso de relatos das Letras Galegas organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Rábade foi para o relato Ir en barca á escola, de Alicia Couso Montes, de 1ºESO-A.



Hai uns anos, cando eu era pequena, coñecín a unha nena de Negueira de Muñiz, chamada Ana, de mediana estatura, de pelo longo e rizo. Sempre estaba sorrindo e con ganas de contar historias ou contos. Para ir á escola tiña que coller unha barca e pagarlle a un barqueiro para que a levara. Tiña que pasar polo río Navia. A min gustaríame moito ir en barca á escola. 

Parece unha viaxe moi bonita con todas esas paisaxes. Ten que ser moi interesante, pensaba eu.

Ana contaba historias de como ía á escola. A min fascinábame todo o que contaba. Estaba calada todo o tempo, escoitándoa.

Un día, como outros moitos máis, contoume unha historia da súa viaxe ao colexio. Gustárame moito. O que me contou foi: 

“ O outro día cando viña para a escola, despois de pagarlle ao barqueiro e este empezar a remar, vin unha cegoña, gústanme moito. Xa vira o outro día unha cerca da igrexa.

O que sabía ben é que como agora xa se aproxima o bon tempo e logo se acabará a escola, pronto ía estar cheo de paxaros que veñen para aquí no verán.

Como ía dicindo, a cegoña gustoume moito e ata lle puxen un nome: Zancuda.

Achegouse á nosa barca e pousouse. Eu, que tiña un pouco de pan na mochila para levar ao colexio, deille un anaco. Acompañounos toda a viaxe. Todos os días seguintes estábame esperando onde a vira por primeira vez, eu dáballe un anaco de pan e ela viña con nós toda a viaxe”.

Cando acabamos a escola pedinlle a miña mai que me deixase quedar un día a durmir na casa de Ana.

Cando chegou o día xa tiña todo preparado para ir á súa casa. Miña mai levoume. Cando cheguei alegrámonos moito de vernos.

Cando miña mai se foi fomos deixar todas as miñas cousas á súa habitación. 

A súa casa era de pedra, tiña un balcón e un camiño de pedras para chegar á porta.

Despois ela díxome que me tiña unha sorpresa. Eu non sabía que podía ser. Estaba moi ansiosa.

Ela levoume por moitos camiños e fomos polo campo. Cada vez era máis entretido. De pronto vin o río e a barca, a que a levaba todos os días á escola. Ana sacou do peto uns cartos e deullos ao barqueiro. Díxolle que fora amodo, que nos levara ata a escola e que nos volvera a traer ao mesmo sitio. O barqueiro asentiu.

Cando o barqueiro levaba pouco tempo remando apareceu a cegoña. Nunca vira unha dende tan cerca. Entón Ana sacou do seu peto o pan que levaba gardado por se viamos a cegoña. Díxome se quería que lle dese un pouco de pan. Contestei que si. Acompañounos todo o camiño. Víase moita vexetación. Había carballos, castiñeiros e agunha que outra árbore caída. A herba estaba alta e había fentos. Encántame a paisaxe das beiras dos ríos.

Non quería que acabase nunca ese paseo en barca.

Ao chegar á casa ía cun sorriso de orella a orella. Pola noite quedeime pronto durmida porque estaba moi cansa.

Foi un día marabilloso.