08/06/15

Ir en barca á escola

O primeiro premio do concurso de relatos das Letras Galegas organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES de Rábade foi para o relato Ir en barca á escola, de Alicia Couso Montes, de 1ºESO-A.



Hai uns anos, cando eu era pequena, coñecín a unha nena de Negueira de Muñiz, chamada Ana, de mediana estatura, de pelo longo e rizo. Sempre estaba sorrindo e con ganas de contar historias ou contos. Para ir á escola tiña que coller unha barca e pagarlle a un barqueiro para que a levara. Tiña que pasar polo río Navia. A min gustaríame moito ir en barca á escola. 

Parece unha viaxe moi bonita con todas esas paisaxes. Ten que ser moi interesante, pensaba eu.

Ana contaba historias de como ía á escola. A min fascinábame todo o que contaba. Estaba calada todo o tempo, escoitándoa.

Un día, como outros moitos máis, contoume unha historia da súa viaxe ao colexio. Gustárame moito. O que me contou foi: 

“ O outro día cando viña para a escola, despois de pagarlle ao barqueiro e este empezar a remar, vin unha cegoña, gústanme moito. Xa vira o outro día unha cerca da igrexa.

O que sabía ben é que como agora xa se aproxima o bon tempo e logo se acabará a escola, pronto ía estar cheo de paxaros que veñen para aquí no verán.

Como ía dicindo, a cegoña gustoume moito e ata lle puxen un nome: Zancuda.

Achegouse á nosa barca e pousouse. Eu, que tiña un pouco de pan na mochila para levar ao colexio, deille un anaco. Acompañounos toda a viaxe. Todos os días seguintes estábame esperando onde a vira por primeira vez, eu dáballe un anaco de pan e ela viña con nós toda a viaxe”.

Cando acabamos a escola pedinlle a miña mai que me deixase quedar un día a durmir na casa de Ana.

Cando chegou o día xa tiña todo preparado para ir á súa casa. Miña mai levoume. Cando cheguei alegrámonos moito de vernos.

Cando miña mai se foi fomos deixar todas as miñas cousas á súa habitación. 

A súa casa era de pedra, tiña un balcón e un camiño de pedras para chegar á porta.

Despois ela díxome que me tiña unha sorpresa. Eu non sabía que podía ser. Estaba moi ansiosa.

Ela levoume por moitos camiños e fomos polo campo. Cada vez era máis entretido. De pronto vin o río e a barca, a que a levaba todos os días á escola. Ana sacou do peto uns cartos e deullos ao barqueiro. Díxolle que fora amodo, que nos levara ata a escola e que nos volvera a traer ao mesmo sitio. O barqueiro asentiu.

Cando o barqueiro levaba pouco tempo remando apareceu a cegoña. Nunca vira unha dende tan cerca. Entón Ana sacou do seu peto o pan que levaba gardado por se viamos a cegoña. Díxome se quería que lle dese un pouco de pan. Contestei que si. Acompañounos todo o camiño. Víase moita vexetación. Había carballos, castiñeiros e agunha que outra árbore caída. A herba estaba alta e había fentos. Encántame a paisaxe das beiras dos ríos.

Non quería que acabase nunca ese paseo en barca.

Ao chegar á casa ía cun sorriso de orella a orella. Pola noite quedeime pronto durmida porque estaba moi cansa.

Foi un día marabilloso.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.