30/01/13

Agustín Fernández Paz, Doutor Honoris Causa


Agustín Fernández Paz, o ilustre escritor vilalbés, vén de ser nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, polos seus "méritos vitais, literarios, humanísticos e universais; por ser un narrador elegante e absolutamente comprometido coa defensa da lingua; por ser unha persoa coherente que buscou sempre transformar a sociedade desde a escola pública e se implicou na vangarda da renovación pedagóxica; por ser un dos narradores galegos máis universais, un dos mellores facedores de lectores, coñecido dentro e traducido fóra, por ser un exemplo de ética e dinamismo ao servizo da terra nosa e da terra enteira…”.

Autor dunha extensa obra de literatura infantil e xuvenil, así como de narrativa para adultos, ensaios e obras colectivas, consegue captar como poucos a atención dos lectores. Defensor e promotor do emprego e a  dignificación da lingua galega e namorado da súa profesión, o ensino, soubo comunicar a cantos o escoitamos as súas inquedanzas innovadoras na pedagoxía. Tiven a sorte de asistir a algunhas xuntanzas que faciamos un grupo de mestres no comezo dos anos oitenta na zona de Ferrolterra  para tentar renovar a nosa bagaxe docente e alí estaba el,  falando de Freinet, de Rodari, de obradoiros, de diferentes recantos na aula...  e de tantos conceptos didácticos que hoxe seguen vixentes.

Se queredes saber os libros deste autor que temos na nosa biblioteca, entrade  aquí e tamén  aquí.

1 comentario:

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.