28/04/08

Mobilízate

A Mesa pola Normalización Lingüística da Zona de Lugo convoca o concurso “Mobilízate pola lingua. Polo dereito a vivirmos en galego” para fomentar entre a mocidade a reflexión sobre a dificultade de vivirmos exercendo os nosos dereitos lingüísticos como galegas/os. Os participantes, mozas e mozos de ata 99 anos, poden concorrer individualmente ou por equipos cun vídeo de duración non superior a 2 minutos, no que recollan situacións, reais ou dramatizadas, que expresen as dificultades para empregar con normalidade o galego na vida cotiá. O traballo poderá ser rexistrado en calquera soporte informático e realizado con calquera medio de gravación, mesmo o móbil. Os arquivos enviaranse a amesalugo@hotmail.com antes das 18'00 do 14 de maio.
Para máis información, dirixirse á MNL, Cova da Terra, R/das Nóreas, nº 12, Lugo, (620 56 57 12, ou en amesalugo@hotmail.com)

...E outro máis!

O IES de Celanova convoca o XX CERTAME LITERARIO "CELSO EMILIO FERREIRO" que se rexerá polas seguintes bases:

PARTICIPANTES: todos os alumnos de ensino medio de Galicia que así o desexen.
As obras presentadas, inéditas e en lingua galega, poderán optar polas seguintes

MODALIDADES:
A) RELATO CURTO, de tema libre e cunha extensión máxima de dous folios mecanografados a dobre espazo.

B) POESÍA: un conxunto de dous poemas de tema libre.

PRESENTACIÓN: os aspirantes enviarán o orixinal e catro copias. En cada traballo figurará un pseudónimo ou lema en lugar do nome real do autor. Os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono, curso e centro onde cursa estudios) deberán ser introducidos nun sobre pechado que acompañará os traballos e levará escrito no exterior o pseudónimo e o título da obra. Os traballos, xunto coa plica, enviaranse ó IES CELANOVA
rúa FERNÁNDEZ LOSADA S/N
32800 CELANOVA-OURENSE
988 431 565/988 431 460

PRAZO : a data límite de presentación de obras é o día 9 de maio de 2008.

PREMIOS:
Concederase en cada modalidade un premio de 150,00 €, diploma acreditativo do certame e a publicación das obras premiadas na revista do centro "O Poleiro" e na revista “Onde o mundo
se chama Celanova” .
No caso de que ningún dos dous premios recaese no IES CELANOVA poderíanse conceder dous accésit de 60,00 € cada un ós dous mellores traballos presentados por alumnos deste centro.

Correspóndelle ó XURADO, que estará formado por membros da comunidade escolar, a interpretación destas bases.
O FALLO darase a coñecer durante a celebración dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas no IES CELANOVA que terán lugar no mes de MAIO DE 2008.

26/04/08

Outro concurso

A páxina web Galicia Encantada convoca un orixinal concurso titulado Lugares con lenda, co obxectivo de que localices, coa axuda dos mapas de Google, algunhas pistas, e a túa propia intuición, os lugares máxicos do país propostos polos organizadores e que atoparás aquí.

25/04/08

Lingua de amor

O Consello da Xuventude presentou en Lugo a segunda edición do concurso de declaracións amorosas vía correo electrónico Lingua de Amor; para participar só hai que rexistrarse no enderezo http://www.linguadeamor.eu/ e enviar alí a declaración de amor en galego; a data límite é o 14 de maio de 2008. Infórmate aquí.

24/04/08

Viaxe a Vetusta

Os quince membros do Clube de Lectura Ponte Vella, acompañados das profesoras Lupe Enríquez e Carmen Muñoz, visitamos Oviedo o día 7 de abril para coñecer os lugares nos que se desenvolve a novela La Regenta, de Leopoldo Alas, Clarín.
Despois dunha bonita viaxe pola costa cantábrica, chegamos a Vetusta, o nome que recibe a cidade na obra. Ás portas da Catedral esperábanos o noso guía, que con moita amenidade foi mostrándonos os sitios máis emblemáticos e dándonos moitos e curiosos detalles. Vimos a capela onde Ana Ozores -a protagonista- confesaba co Maxistral: o casino; os edificios que albergarían a casa da Rexenta, do Maxistral e o palacio dos Vegallana; a casa onde viviu o autor; o edificio da Universidade, na que Clarín foi catedrático de Dereito Natural...
No noso percorrido vimos tamén a Praza do Fontán, o Parque de San Francisco, o Teatro Campoamor (alí ten lugar cada ano a entrega dos Premios Príncipe de Asturias) e algunhas das numerosas esculturas que adornan as rúas. E, como non, subimos ao monte Naranco porque non podíamos deixar de admirar dúas xoias do prerrománico asturiano, San Miguel de Lillo e Santa María do Naranco. Desde alí hai unha vista impresionante de toda a cidade e destaca o futuro Palacio de Congresos que está construíndo o famoso arquitecto Santiago Calatrava.
Compramos afamados doces ovetenses (carbayones e moscovitas) e regresamos pola noite, encantados da nosa viaxe e desexando que haxa outra ocasión de coñecer máis lugares bonitos.

23/04/08

Juan Gelman



GELMAN (Buenos Aires, 1930), poeta honesto e comprometido, defensor dos dereitos humanos e firme opositor á ditadura do seu país durante a década dos 80, recibe hoxe o Premio Cervantes de 2007.

22/04/08

Día da Terra

O Día da Terra celébrase cada 22 de abril desde 1970, pero a historia desta conmemoración iníciase cando nos anos 60 o senador americano Gaylord Nelson , que presionaba para que o asunto medioambiental formase parte da axenda John F. Kennedy, aproveitando as protestas contra a guerra de Vietnam, convoca unha gran manifestación para que o país expresase a preocupación polo medio ambiente a nivel nacional.
Así, no equinoccio de primavera de 1970, celebrouse por primeira vez o Día da Terra,e millóns de persoas responderon á convocatoria establecendo nas súas comunidades, universidades e colexios plataformas de difusión e discusión sobre o medio ambiente e os seus problemas.
Aquela presión social deu froitos: ese mesmo ano, Nixon crea a Axencia de Protección Medio Ambiental (EPA), coa misión de protexer o medio ambiente e a saúde pública; o Congreso americano promulga a Acta do Aire Limpo (Clean Air Act) establecendo estándares seguros sobre calidade do aire, emisións e polución contaminante; e igualmente o senador Nelson funda a Rede do Día da Terra (EDN) para promover a celebración do día da Terra como instancia de reflexión e acción en favor do medio ambiente, favorecendo o compromiso cívico dos escolares, educar os ciudadáns como consumidores responsables e mobilizar os medios de comunicación, escolas e gobernos locais en accións de protección medioambiental.