24/04/08

Viaxe a Vetusta

Os quince membros do Clube de Lectura Ponte Vella, acompañados das profesoras Lupe Enríquez e Carmen Muñoz, visitamos Oviedo o día 7 de abril para coñecer os lugares nos que se desenvolve a novela La Regenta, de Leopoldo Alas, Clarín.
Despois dunha bonita viaxe pola costa cantábrica, chegamos a Vetusta, o nome que recibe a cidade na obra. Ás portas da Catedral esperábanos o noso guía, que con moita amenidade foi mostrándonos os sitios máis emblemáticos e dándonos moitos e curiosos detalles. Vimos a capela onde Ana Ozores -a protagonista- confesaba co Maxistral: o casino; os edificios que albergarían a casa da Rexenta, do Maxistral e o palacio dos Vegallana; a casa onde viviu o autor; o edificio da Universidade, na que Clarín foi catedrático de Dereito Natural...
No noso percorrido vimos tamén a Praza do Fontán, o Parque de San Francisco, o Teatro Campoamor (alí ten lugar cada ano a entrega dos Premios Príncipe de Asturias) e algunhas das numerosas esculturas que adornan as rúas. E, como non, subimos ao monte Naranco porque non podíamos deixar de admirar dúas xoias do prerrománico asturiano, San Miguel de Lillo e Santa María do Naranco. Desde alí hai unha vista impresionante de toda a cidade e destaca o futuro Palacio de Congresos que está construíndo o famoso arquitecto Santiago Calatrava.
Compramos afamados doces ovetenses (carbayones e moscovitas) e regresamos pola noite, encantados da nosa viaxe e desexando que haxa outra ocasión de coñecer máis lugares bonitos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.