23/03/26

Unha de adiviñas

 As adiviñas forman parte da nosa tradición oral e durante xeracións empregáronse como xogo, exercicio de enxeño e ferramenta para aprender vocabulario. Moitas delas describen animais a través de metáforas, comparacións ou pistas sobre o seu aspecto e comportamento.

Un dos libros que recolle este patrimonio é ¿Que cousa é cousa…? Libro de adiviñas, de Paco Martín, que recompila numerosas adiviñas populares transmitidas oralmente en Galicia.

A continuación, grazas a As chaves da lingua, tes algunhas adiviñas tradicionais sobre animais. Se queres saber as solucións só tes que mirar aquí.

Adiviñas de animais en galego

Adiviña 1

Alto, alteiro,
grande cabaleiro;
gorro de la,
capa dourada
espora de aceiro.

Adiviña 2

Que cousa, cousiña é
que anda e anda
e non se aparta da casa.

Adiviña 3

Que é unha cousa
que anda e anda
e, ao fin, dá co dono?

Adiviña 4

Canta que canta
o negro cantor;
e o seu canto é causa
de entrar na prisión.

Adiviña 5

Catro pernas,
catro fontes,
un dálle-dálle
e dous reviramontes.

Adiviña 6

Catro na cama,
catro na lama,
dous parafusos
e un que lle abana.

Adiviña 7

Dúas fontes,
catro corremontes,
dous mirapratrás;
por debaixo ten un capelo
e por tras un cotomelo,
por debaixo é pelada
e por derriba ten pelo.

Adiviña 8

Cen damas mouras
van polo camiño,
nin erguen po
nin fan bulicio
ata deixar a carga de trigo.

Adiviña 9

Co rabo entre as pernas
a mala veciña
vén todas as noites
roubar a galiña.

Adiviña 10

Come, come, comellón,
que para o San Martiño… plon!

Adiviña 11

Unha cousa que come millo e, por onde vai, deixa rastriño.

Adiviña 12

Que cousa para adiviñar é
que antes de selo, xa o é?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.