07/12/25

Novidades editoriais na biblioteca

Aquí tedes unha imaxe das últimas cousas que nos foron chegando á nosa biblioteca.

Como mostra, imos citar catro títulos variados destas últimas adquisicións:
  • "De nais a fillas. Receitas para non esquecer" (coord. Ana Cancela)

"Ao longo da historia, as mulleres foron as verdadeiras gardiás e creadoras da cociña galega tradicional. Elas preservaron e transmitiron un saber culinario que hoxe é patrimonio da nosa cultura. Queremos honrar todas esas mulleres que, durante séculos, compartiron os seus coñecementos de xeración en xeración, creando unha ponte entre o pasado e o presente mediante receitas nadas nos fogares, transmitidas de nais a fillas.

De nais a fillas. Receitas para non esquecer busca rescatar esas historias de esforzo, de creatividade e de sacrificio, dándolles a visibilidade e o recoñecemento que sempre mereceron."

  • "Rábade comercial. Calzada, camino y vía" (Manuel Lage)
Unha ollada á historia da vila na que está este instituto como parte da responsabilidade que temos como centro de ser membros activos da comunidade.

  • "Rosalía oculta" (Paula Mayor) (Premio Castelao de Banda Deseñada 2023)

"Rosalía de Castro foi, sen ningunha dúbida, unha muller avanzada ao seu tempo.
En pleno século XIX, cando a vida das mulleres practicamente se reducía ao fogar, unha escritora nova loita por expresarse libremente nunha sociedade que a ignora e a censura. 
A súa obra fálanos da súa terra, da opresión e da marxinación do pobo, de temas tan actuais como o feminismo, as diferenzas entre clases, a emigración, a Igrexa e a androxinia.
Só podemos alcanzar a xuntar unha pequena parte do quebracabezas que compón a súa persoa e iso é, en definitiva, o que tenta mostrar esta novela gráfica."
  • "Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos" (Moisés Quintas e Victoria Pérez)
"Os xéneros musicais tradicionais e populares galegos consta de dúas partes complementarias. Por unha banda, un texto onde quedan clasificados de xeito didáctico os xéneros cantados, instrumentais, bailados e danzados da nosa terra, afondando nas súas características, momento da interpretación, finalidade? E por outra parte, un CD con 31 melodías escollidas dos nosos cancioneiros e de fontes vivas, que recompilan a maior parte dos xéneros musicais que se tratan no texto, incluíndo as súas partituras. Unha viaxe no tempo para sentir o alalá na voz cálida de Uxía, que nos leva séculos atrás, a esa hora do serán onde as notas melancólicas do alalá falan da alma de Galicia, para escoitar un arrieiro solitario turrando pola besta na impoñente voz de Xisco Feijoó, o anguriante canto de cego ao son da zanfona na profunda voz de Tino Baz, ou mesmo melodías de gaita inéditas do gaiteiro Libardón, escoitadas na montaña de Lobeira. O noso desexo é que te achegues, coñezas e desfrutes dos xéneros musicais tradicionais e populares da nosa terra a través destas páxinas e audios, e así, valorar e apreciar este gran legado musical que nos pertence a todas e a todos."

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.