10/10/25

Premio Nobel 2025

Un ano máis, e como xa vén sendo case tradición, a Academia Sueca segue a súa busca do "Talento e gusto" lonxe dos libros de Murakami e neste 2025 a caprichosa fortuna foi conceder os seus favores a Hungría na persoa deste señor con aspecto de intelectual bohemio e formal, nado no 1951 e que atende polo  dificilmente pronunciable nome para os non maxiarfalantes de László Krasznahorkai.

Pouco despois de ser anunciado, declarou: "Mi inspiración más profunda es la amargura. Me entristece profundamente pensar en el estado del mundo de hoy. Vivimos tiempos muy oscuros y necesitamos mucha más fuerza para sobrevivir que antes."

Pois iso, que se buscades optimismo e alegría fácil, aquí non vai ser. Sen contar que a súa prosa ten como unha das características destacadas as frases longas e inacabables, tanto que fan que os escritos de Saramago semellen mensaxes de móbil.

Como curiosidade, a súa primeira e máis coñecida novela "Tango satánico" de 1985 foi levada ao cine polo director tamén húngaro Béla Tarr en 1994, tendo a ben crear unha obra en branco e negro de nada máis e nada menos que sete horas e dezanove minutos. Algo a ter en conta por aqueles que prefiren ver a película en vez de ver o libro, neste caso igual non compensa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.