28/11/24

Adeus, de Julio Álvarez Vilella

 Hoxe, a publicación do microrrelato Adeus, de Julio Álvarez Vilella, de 1ºESO A, gañador do 2º premio do Concurso de Microrrelatos contra a violencia de xénero.


Dígolles adeus ás túas ameazas, dígolles adeus ás túas labazadas, dígolles adeus ás túas malas palabras, dígolle ola a poder saír á rúa soa.

27/11/24

A forza de romper o silencio

 A alumna de 1º ESO B Mariam Serbout Barrass conseguiu o  1º premio do concurso de Microrrelatos contra a violencia de xénero convocado polo EDL e a Biblioteca do IES Rio Miño de Rábade. Aquí está o seu microrrelato.

Laura, de 21 anos, coñecera a Mario na universidade. Ao principio foi cariñoso e atento, pero logo mostrou o seu lado controlador. Primeiro foron comentarios sobre a súa roupa e amizades, logo insultos e, finalmente, golpes.

Sentíase atrapada entre o medo e as promesas de cambio. Unha noite, despois dunha agresión máis, decidiu falar coa súa mellor amiga. Con ela buscou apoio e denunciouno. A recuperación non foi fácil, pero Laura comprendeu que a violencia nunca é amor, e que merecía unha vida libre.

Pouco a pouco, comezou a reconstruir o seu futuro con esperanza e forza.



Gañadores

 ALUMNADO GAÑADOR NO CONCURSO "MICRORRELATOS SOBRE

SENSIBILIZACIÓN FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO"

Nivel 1:

Primeiro premio: Mariam Serbout Barrass (1.º ESO-B), por A forza de romper o silencio (vale de 20 euros en material escolar + diploma)

Segundo premio: Julio Álvarez Vilella (1.º ESO-A), por Adeus (vale de 15 euros en material escolar + diploma)

Nos próximos días iremos publicando aquí os microrrelatos gañadores. Parabéns ao alumnado premiado.

11/11/24

Concurso de Microrrelatos

 Equipo da Biblioteca e o de Dinamización da Lingua Galega do IES Río Miño convocan un Concurso de microrrelatos dirixido aos alumnos e alumnas do Centro.

 As bases que rexen este certame son:

1. Poderá participar todo o alumnado do Centro. Cada participante poderá presentar un único microrrelato.

2. Os microrrelatos presentados deberán estar escritos en lingua galega e á man.

3. Temática: Sensibilización fronte á violencia de xénero.

4. Extensión máxima de 100 palabras.

5. Os microrrelatos entregaranse ao titor ou titora, ou ao profesor/a de Lingua Galega correspondente.

6. O prazo de admisión finaliza o mércores 20 de novembro de 2024.

7. O xurado estará composto por membros do Equipo da Biblioteca e o de DLG, e o seu fallo será inapelable.

8. Concederanse dous premios por nivel, isto é: 

Nivel 1 para o alumnado de 1.º e 2.º de ESO

Nivel 2 para o alumnado de 3.º e 4.º de ESO

Nivel 3 para o alumnado de 1.º e 2.º de Bac

Os premios consistirán nun diploma e mais un vale de 20 € para material escolar para o primeiro clasificado/a, e de diploma e vale de 15 € para material para o segundo clasificado/a en cada categoría.

9. A decisión do xurado darase a coñecer na Biblioteca do Centro o luns 25 de novembro no segundo lecer e será publicada  no blog da Biblioteca xunto cos relatos.

10. A participación no presente certame supón a aceptación destas bases.


Rábade, a 11 de novembro de 2024

08/11/24

Texto do científico Ángel Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

 Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”. 

A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.

Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.

Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante. 

E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos. 

E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior. Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo. 

Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres. 

E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.


Materiais, recursos, etc, aquí

05/11/24

Le libros. Vive vidas!

O alumnado de Dixitalización de 4º ESO e o de TIC de 2º de Bacharelato realizaron este vídeo de animación á lectura, do que é protagonista a nosa Biblioteca, precisamente no seu día.