17/02/23

O entroido xa está aquí!


 Xa estamos no Entroido, unha época que na Galiza ten unha tradición tan longa como vivaz. A palabra Entroido ten a súa orixe no latín introitus, cuxo significado é entrada, nomeadamente, alén do aspecto relixioso -a Coresma-, a respecto da primavera.

O Entroido tradicional foi concibido como a celebración do mundo ao revés, o escenario de todo o que está mal visto facer o resto do ano. Antigamente, o sentido do Entroido entendíase fronte á Coresma, que no cristianismo é o tempo da penitencia, da pureza e de pedir perdón polos pecados.

A forma estándar é Entroido, mais de acordo co Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Galiza tamén se documentan outras variantes para nos referir á mesma celebración: antroido, entroiro, antroiro, entruido, entrudio.

A forma carnaval, segundo o ILG, recolleuse como segunda resposta en Sada, Rianxo, Navia de Suarna, Ribas de Sil, Agolada, Vigo e Baiona; e como primeira resposta en Toques e Porto do Son.

Todas as opcións recollidas polo ILG teñen a súa orixe na palabra medieval 'entroido', que aparece documentada no galego desde 1251. Só hai unha excepción: carnaval, de procedencia italiana, carnevale ("levar a carne"), que pasou logo a outros idiomas europeos como o francés, o castelán ou mesmo o portugués (desde mediados do século XVI).

Collido de Nós Diario

15/02/23

Manifesto da AELG no día de Rosalía



Salvádeme, berrei. Axudáime, berrei, berrei, berrei...

Rosalía de Castro


As palabras outorgan existencia. Nomeamos as cousas, os sentimentos, os desexos, as accións pasadas e as futuras. Nomeamos para compartir, para saber ou para coñecer o mundo. Nomeamos para vivir.

Mais as palabras son esixentes: requiren da nosa lectura, da nosa escoita, da nosa mirada atenta. Necesitan do silencio para ser comprendidas. Tal é o ruído do mundo que transitamos que as palabras non chegan aos ouvidos, non pasan de ser grafías sen sentido. No noso cotián os berros das desigualdades, as violencias e as inxustizas baten contra muros de ruído e ignorancia. Non escoitamos. Estamos xordas. Xordos de tanta información sobre a información da información. Non escoitamos nada, nin a ninguén. Alguén berra. Está lonxe. Está noutra rúa, noutra clase, noutra cidade, noutro país, noutra lingua. Noutra pantalla.

Os ollos tamén outorgan existencia. Ou deberían. Se cadra fixérono noutro tempo e agora, cansos de tempestuosas imaxes, non son quen de mirar. Din aquelxs que aínda teiman en escribir Filosofía, que a dixitalización fai desaparecer o outro como mirada. Afirman que acentúa o noso egocentrismo nunha obsolescencia programada do mundo, da alteridade que nos configura en humanos. Malia ter sempre os ollos conectados, atentos a unha luz que se ilumina na pantalla, conectados a outro golpe de información, a outra mensaxe, ao próximo “gústame”; renunciamos a mirar.

Rosalía ensínanos a mirar e a escoitar. É unha guía, por momentos unha amiga ou unha camarada, que nos acompaña entre poemas, novelas e ensaios para superar a banalidade ética do noso tempo. As súas palabras dan existencia a un mundo de inxustizas e opresións contra as mulleres, os pobres, a lingua galega ou os migrantes. O seu narrar é a escoita do noso mundo. En cada verso xorde unha interpelación para nós: que ou quen permite e lexitima as desigualdades, as vulnerabilidades impostas, as guerras, as violencias, os corpos esquecidos e desposuídos de valor. Os que teñen fama de honrados seguen practicando a violencia? A mocidade que migra vai como rosas... e como volven? Ou volven? Poderá deterse o fascismo que vai percorrendo o mundo? Hai guerras que merecen a nosa atención e outras condenadas ao esquecemento? Só o consumo será o pracer do futuro? Merece a natureza ser oída? Que é unha vida vivíbel? Cada interrogante ábrenos unha nova cuestión ata que nos topamos de fociños contra o noso propio muro de ruído e ignorancia: Onde están as nosas palabras?

Hai un eco de vellas derrotas que nos paraliza.
Volvamos escoitar… Aí vén unha meniña gaiteira!

Moito máis forte é o eco das vitorias. Un eco indomábel que chega ata nós dándolle forma de dereitos a palabras como igualdade ou liberdade. Palabras activistas. Palabras que se resisten a ser esquecidas ou usurpadas. A xustiza é moito máis que unha palabra, si. Moito máis. Non obstante, necesita das palabras.

“Que a man tembrosa no papel só escriba
palabras, e palabras e palabras!”

Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?


                                                                                                                              Carme Adán
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#rdc_2023 #cumpriuseaxustiza


10/02/23

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Cada 11 de febreiro, mañá conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, celebración declarada pola ONU para mellorar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia das mulleres e as nenas, com vistas a lograr entre todos e todas a igualdade de xénero nun ámbito no que habitualmente foron silenciadas ou directamente invisibilizadas, sendo moitas veces atribuidos os seus traballos e descubrimentos aos seus compañeiros varóns. 

Marie Curie, dúas veces premiada co Nobel, non é a única muller destacable no ámbito  STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas). Neste enlace da Wikipedia podes atopar unha listaxe de científicas de todas as nacionalidades que contribuíron significativamente ao desenvolvemento das ciencias desde a antigüidade. Se o que buscas son científicas galegas, entra nestoutro enlace.

07/02/23

VI Concurso de carteis do 8 de marzo de 2023, Día Internacional da Muller

A Xunta de Galicia abre o prazo para que os centros escolares galegos participen no concurso para o deseño do cartel da campaña do Día 8 de marzo 2023 "Día Internacional da Muller"

Categorías
- Alumnado de infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria.
- Alumnado 5º e 6º de educación primaria, de 1º, 2º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e de educación especial.
- Alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e 1º e 2º de bacharelato, de FP básica, de ciclos de grao medio e de ciclos de grao superior.

O obxecto do concurso é fomentar a promoción da igualdade dentro dos centros educativos galegos, a través dunha acción que visibilice a contribución das mulleres nos distintos ámbitos e promova a reflexión sobre os estereotipos de xénero que aínda existen na sociedade, as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como o camiño que as mulleres tiveron que percorrer para ver recoñecidos os seus dereitos.

O contido do cartel deberá difundir e transmitir unha mensaxe positiva sobre a participación activa das mulleres na sociedade, promovendo a igualdade entre mulleres e homes.

técnica e o estilo dos traballos serán libres, debendo respectar as seguintes características:
- Os carteis realizaranse en formato horizontal ou vertical, coas medidas DIN A3 (42 x 29,7 cm).
- O cartel estará dispoñible en formato papel e en formato electrónico, coa extensión JPG ou PDF.
- O cartel deberá incluír obrigatoriamente a frase “8 de marzo. Día Internacional da Muller”, así como un lema en galego relacionado co fomento da igualdade de xénero, contra os estereotipos e contra a discriminación cara as mulleres.
- Os traballos deberán presentarase en lingua galega e coidarán a calidade lingüística do produto final.
- As composicións e os slogans, así como todo o traballo no seu conxunto, deberán ser orixinais e inéditos, non poderán incluír imaxes con dereitos de autoría e non poderán empregar imaxes ou nomes que identifiquen marcas comerciais ou persoas recoñecidas no ámbito público.

A imaxe gráfica que resulte gañadora poderá ser utilizada pola Xunta de Galicia na conmemoración do Día Internacional da Muller, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade.

prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o 17 de febreiro, ás 15:00h

03/02/23

Concurso Odisea

 

Os alumnos premiados.  A seguir, a clasificación xeral

01/02/23

Refráns de febreiro

Acabamos de comezar febreiro; un mes, ao que parece, pouco favorecido no refraneiro. Compróbao senón nos que nos achega, coma outras veces, Orgullo Galego.