01/12/21

Escolas e escolares


Foto do reporteiro español Gervasio Sánchez. Afganistán, 2002: As alumnas dunha escola feminina escoitan atentas as explicacións da súa mestra nunha aula en mal estado, sen mobiliario adecuado, e aturando sen cristais nas ventás as xélidas temperaturas do inverno afgán.

18/11/21

Darío. In memoriam

 


Estamos conmocionados pola noticia do falecemento onte de Darío Xohán Cabana, poeta e narrador galego imprescindible, que acudiu á nosa Biblioteca en febreiro de 2014 para un encontro co alumnado de Bacharelato, que lle fixo  preguntas sobre o seu Galván en Saor, lectura obrigatoria aquel curso e outros posteriores.

Sempre é triste cando morre un escritor ou escritora, pero se se trata de alguén bo e xeneroso, honesto e comprometido coa súa terra, como Darío o foi, a tristeza é case insuperable.

Que a terra lle sexa leve.

Faleceu Darío Xohán Cabana


Por amor nacín da terra.
Por amor son o que son.
Por amor canto o meu canto,
por amor.
Por amor sángranme os pulsos
e ábreseme o corazón
Por amor doénme os ollos.
Por amor, só por amor.

11/11/21

Cristina Peri Rossi, flamante Premio Cervantes

 A autora uruguaia, exiliada desde 1972 en Barcelona, acaba de ser premiada co Cervantes, máximo galardón das letras en español. Ata o momento, só cinco escritoras foran premiadas con el; a última, IdaVitale, que en 2018 se uniu ás españolas María Zambrano (1988) e Ana María Matute (2010), a cubana Dulce María Loynaz (1992) e a mexicana Elena Poniatowska (2013). 

Peri Rossi, novelista, poeta, creadora de relatos, feminista convencida, e autora de obras como Las musas inquietantes, El libro de mis primos, Los amores equivocados, Todo lo que no te pude decir ou, máis recentemente, La insumisa.

09/11/21

COP 26

 Estase a celebrar na cidade escocesa de Glasgow o Cumio do Clima, de enorme importancia para o futuro inmediato, xa que das decisións e compromisos que se adopten depende o futuro do noso planeta.

Se queres máis información, podes entrar nos seguintes enlaces:


24/10/21

Feliz Día, felices libros

Para celebrar o Día das Bibliotecas asomámonos a cinco bibliotecas fermosas e moi diferentes:

Biblioteca da Real Academia Nacional de Medicina (Madrid)

Biblioteca Nacional da República Checa en Praga

Biblioteca Pública de Vennesla (Noruega)


Biblioteca do Mosteiro de Admont (Austria)

A nosa

Que teñades un bo día e unhas mellores lecturas

Desde a Biblioteca do IES Monte das Moas

Os compañeiros da Biblioteca do IES Monte das Moas da Coruña celebraron dun xeito moi especial o Día das Escritoras con esta marabillosa recompilación  de textos de autoras galegas contemporáneas. Desde logo que non están todas as que son, unicamente unha pequena mostra moi ben escollida.

18/10/21

Cada ano, o luns máis próximo ao 15 de outubro (festividade e aniversario de Santa Teresa de Xesús ou Teresa de Cepeda), celébrase mundialmente o Día das Escritoras.

13/10/21

A erupción de La Palma

Hai semanas que a erupción da illa canaria de La Palma non deixa de sorprendernos coas correntes de lava e as violentas explosións, pero tamén con todo un vocabulario relacionado que usamos pouco. Mira o seguinte vídeo e descubrirás algunhas cousas que non te deixarán indiferente.


09/10/21

Abdulrazak Gurnah, Nobel de Literatura 2021

A Academia Sueca acordou conceder o Nobel de Literatura deste ano ao escritor tanzano Abdulrazak Gurnah, pouco coñecido en España, a quen pronto esperamos ter na nosa Biblioteca.
Segundo Anders Olsson, presidente do comité do Nobel, o premio foille outorgado por refletir a “penetración intransixente e compasiva dos efectos do colonialismo e do destino das persoas refuxiadas no abismo entre culturas e continentes”. Os romances de Gurnah –continuou o voceiro– “foxen de descricións estereotipadas e abren o noso ollar para unha África Oriental culturalmente diversa e descoñecida”.

Máis concursos

 Desde a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos chégannos as bases da 18ª edición do Concurso de Poesía ANOMAR. 

Poderán participar nesta convocatoria:

- rapaces e rapazas entre os 8 e os 12 anos (1ª categoría).

- mozas e mozos entre os 13 e os 17 anos (2ª categoría), e

- a partir de 18 anos (3ª categoría).

Os poemas pódense achegar en man, por correo ordinario ou empregando o correo electrónico (ver as bases aquí).

O prazo para participar remata o 10 de novembro de 2021.


24/09/21

Florencio Delgado Gurriarán

Como sabedes, en 2022 o Día das Letras Galegas será dedicado ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, que será, como é habitual, centro de numerosas actividades e homenaxes.

Para coñecerdes máis sobre a figura deste autor, podedes consultar As letras de Florencio Delgado Gurriarán, un sitio web cheo de información, enlaces a outras páxinas e material gráfico sobre a vida e a produción literaria deste autor pouco coñecido alén das terras de Valdeorras.

23/09/21

22/09/21

Voltamos!

Novo curso, mudanza de estación (o outono comeza xustamente hoxe ás 21.21 horas) e, aínda que con moita cautela, grandes esperanzas en que a situación sanitaria se normalice. Estamos xa de volta: en moi poucos días abrimos a Biblioteca para préstamos, faremos as actividades de iniciación e formación de usuarios (dirixidas principalmente ao alumnado de 1º de ESO), e poñeremos en marcha, como cada ano, a Hora de Ler.

Desde o Equipo da Biblioteca queremos darvos a benvida e desexarvos un curso feliz e lector.