28/05/14

Charlas e obradoiros






                                      Conferencia de Santiago Jaureguízar

O día 13 de decembro do 2013, os alumnos de 4º ESO (A, B e PDC) tiveron a oportunidade de asistir a unha conferencia pronunciada polo escritor Santiago Jaureguízar, autor de A cova das vacas mortas, obra lida previamente por eles. Chamoulles especialmente a atención o tipo de vida que se leva nunha comuna, neste caso, na de Negueira de Muñiz.




Conferencia de Darío X. Cabana


Dirixida aos alumnos de 1 e 2º de Bac que leron Galván en Saor (os de 2º o curso anterior) para que tivesen ocasión de coñeceren directamente o escritor e lles falase da súa faceta literaria. Sorprendeunos a súa despedida: que era máis importante como tradutor que como escritor, que a literatura galega sería igual sen el.
Tivo lugar o día 17 de febreiro de 2014.






                                             Obradoiro “Xosé María Díaz Castro”
Aproveitando o envío (por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística), de carteis sobre a vida e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, todo o alumnado do Centro levou a cabo diversas actividades, segundo o seu nivel. O desenvolvemento destas estivo dirixido por todo o profesorado de Lingua Galega e Literatura  e resultou relativamente atractivo para os discentes polo enfoque colorista da exposición, a cal vai continuar amosada nos corredores do Centro.
Conseguiuse que os alumnos chegasen a ter un coñecemento amplo da vida e obra de Xosé María Díaz Castro e foron motivados para veren noticias sobre este autor nos distintos medios de comunicación (xornais, televisión, etc.)



Obradoiro “OPS! (O Português Simples)”
Dende a Área de Cultura da Deputación de Lugo, xunto coa Associaçom Galega da Linga (AGAL) e CIRANDA  á volta do português, foi enviada ao Centro a posiblidade de impartir o devandito obradoiro. Este tivo unha boa acollida por parte de todo o noso alumnado, quen se decatou de que a través do portugués se pon en valor o galego, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos que o infravaloran.
Tivo lugar na semana do 24 ao 28 de febreiro de 2014.




Concurso de Creación literaria.

Co motivo das Letras Galegas 2014 convocamos un concurso literario de contos: un específico para 1º, 2º e 3º da  ESO e outro para 4º da ESO e  Bac. Deuse un premio e o correspondente diploma.
A alumna gañadora na segunda categoría foi Patricia Seijas Díaz de 4º B ESO co relato titulado “Segredo do pasado”.






                             Ruta literaria pola Casa-Museo Manuel María
 Nesta Fundación, o día 18 de febreiro de 2014 os alumnos de 4º ESO (A, B e PDC) e 2º Bac coñeceron o legado de Manuel María partindo dunha actividade lúdica e didáctica de exploración grazas ao inestimable labor dun guía: biblioteca (que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galicia dende a posguerra até a actualidade), numerosos documentos manuscritos de persoas relevantes da cultura galega coas que Manuel María mantivo estreita relación: Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego; distintas coleccións de obxectos particulares de Manuel María que serven para ambientar a propia casa (a de navallas, por exemplo), etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.