22/05/13

Pepe Coira no IES Río Miño

      Onte a biblioteca contou cun invitado de honra: Pepe Coira.

   Nado en Rábade, é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Hª da Arte Moderna e Contemporánea  pola Universidade de Santiago e diplomado en Historia e Estética da Cinematografía pola Universidade de Valladolid. Despois dun tempo no xornal  El Correo Gallego como crítico de cine e logo redactor, foi director do Centro Galego de Artes e Imaxe e profesor nas Universidades de Pontevedra, Coruña e Santiago.

      Entre os seus traballos como guionista están as series Extramuros e Luces da Cidade e como produtor executivo e editor de guión, Mareas vivas, Terra de Miranda, A miña sogra e mais eu, e As leis de Celavella. Foi tamén Xefe de desenvolvemento e produtor executivo de Filmax TV, onde segue a traballar,  especialmente en documentais.

   Na súa faceta de escritor, é autor de  As catro vidas dunha película, Unha brevísima historia do cine e coautor do Diccionario del Cine Español e do Dicionario do cine en Galicia. Na actualidade segue a impartir clases na Universidade,  á vez que colabora con varias cadeas de TV do estado e produtoras de cine.

      Despois dun percorrido moi ameno e  interesante polas catro vidas dunha película e as diferentes formas de plantexar o desenvolvemento dun film, deu resposta ás cuestións dos asistentes, aos que soubo chegar, mantendo en todo momento o seu interese e atención. Ilustrou a súa intervención con diversas anécdotas. Falou de Bresson, de Truffaut, de Harry Potter, de efectos cinematográficos, de series actuais...

    En suma, o alumnado quedou gratamente impresionado pola charla co convidado, a quen todos os ouvintes consideramos un home apaixoado pola súa profesión, pois, segundo el mesmo afirma,  non coñece nada mellor ao que adicarse.




          

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.