30/04/13

Ella Fitzgerald, a dona do scat

O 25 de abril do 1917 nacía en Virginia (USA) Ella Fitzgerald. A súa orixe humilde (filla dunha lavandeira e dun condutor de tren que abandonou a ambas) condicionou o seu carácter e os seus difíciles comezos, que pasaron por problemas coa policía e estancias nun reformatorio.

Desde moi pequena tiña afección pola música e o baile. Cantou nun coro parroquial, aprendeu a tocar o piano e escoitou con entusiasmo a Louis Armstrong na radio; pero é aos 16 anos cando debuta en Nova Iork como cantante, ao que seguirían numerosas actuacións con diferentes orquestras,  gravacións cos mellores do jazz: o propio Armstrong, Count Basie, Duke Ellington... e a interpretación de  composicións de George Gershwin.

Pero, dotada dunha magnífica voz de mezzosoprano, cun rango vocal de tres oitavas, estaba chamada a ser a raíña do xénero, e fai a súa carreira en solitario desde 1941. Levou por todo o mundo un amplísimo repertorio que inclúe blues, swing,  samba, bossa nova, gospel, calypso e cancións populares de diversos estilos;  traballos que distinguiu coa súa impronta persoal, as improvisacións vocais: o scat.

Faleceu en Beverly Hills en 1993 por causa da diabetes que padecía. Así soa a súa voz:

21/04/13

José Luís Sampedro

Finou hai uns días José Luís Sampedro. Escritor, economista e profesor universitario, interésanos especialmente pola súa faceta humanista, que tentou levar á economía para conquerir un mellor desenvolvemento da dignidade dos pobos. 

Desempeñou diversos cargos tanto na administración pública como na empresa privada; acadou importantes recoñecementos ao seu labor, entre eles, a Orde das Artes e das Letras de España, o Premio Nacional das Letras Españolas ademais de ser membro da Real Academia da Lingua Española

Nos últimos anos escribiu o prólogo de Indignádevos, de Stéphane Hessel e a súa propia obra Reacciona; neles denuncia o neoliberalismo e o capitalismo salvaxe como causas da decadencia moral e social de occidente. Con ambas aportacións contribuiu a alentar os movementos de protesta do 15 M en Madrid e outros lugares. Na súa memoria, enlazamos esta entrevista:


15/04/13

Jean-Luc Martínez, director do Museo do Louvre

Profesor de Historia da Arte, historiador e arqueólogo, Jean-Luc Martínez vén de ser nomeado director do Museo do Louvre. Apaixoado polo seu traballo e especialista en Grecia, participa nas excavacións de Delfos e desempeña posteriormente o cargo de xefe do departamento de antigüidades gregas, romanas e etruscas de dito museo.

De orixe humilde, Martínez é un cidadán francés fillo e neto de españois, nado nun barrio pobre do norte de París que acada a dirección do museo máis visitado do mundo. Esta circunstancia apoia a importancia que tén o ensino público como promotor da igualdade de oportunidades.

05/04/13

Estatísticas lectura 2º trimestre

Estes son os datos do préstamo nesta biblioteca durante o segundo trimestre. Cabe destacar o ascenso no préstamo de audiovisuais e o descenso no préstamo de libros con relación ao mesmo período do curso pasado. Estes feitos quizais poidan xustificarse por unha demanda crecente do cine entre o noso alumnado e por unha menor duración da 2ª avaliación no presente ano escolar.