24/11/12

25 de novembro

Cada ano nesta data danse a coñecer estatísticas sobre o incremento das diferentes formas de violencia de xénero. Así están as cousas: Aumentan os casos entre as mulleres máis xoves, ao que contribúe a comunicación mediante as redes sociais. Crece o número de mulleres que renuncian a seguir cun proceso por violencia machista... E, por se fora pouco, o aumento das taxas xudiciais vai frear a loita contra a mesma. 
A axuda legal para quen pida protección por violencia de xénero e as medidas disuasorias para o maltratador son insuficientes se non van acompañadas de cambios máis fondos que pasan inevitablemente pola educación en igualdade

23/11/12

Novidades novembro

Esta é unha selección dos últimos títulos adquiridos pola nosa biblioteca que xa están á vosa disposición. Entre as novidades hai o máis actual da literatura xuvenil, clásicos xuvenís e, en canto a cine, podedes escoller entre filmes de interese didáctico polos temas que tratan, ou películas de  directores que marcaron estilo e que figuran entre os clásicos do cine. Agardamos que sexan do voso agrado. Para entrar,  preme sobre a imaxe.

15/11/12

Xornadas das Bibliotecas Escolares 2012


Ler para ver  foi o lema elixido este ano para esta xuntanza en alusión á necesidade de que as bibliotecas escolares deben facilitar o desenvolvemento da competencia en información do noso alumnado, nun mundo dixital, globalizado e infoxicado  (Daniel Cassany).

Como sempre, o evento cumpriu coas espectativas dos asistentes. Do programa, queremos destacar polo seu interese as intervencións dos ponentes invitados: Fabio Tropea, profesor de Semiótica e de Teoría da Comunicación da UAB e da Universidade Pompeu Fabra, quen pronunciou a conferencia inaugural Ler entre liñas e pantallas; Tíscar Lara, xornalista e Directora de Comunicación da Escola de Organización Industrial, que disertou sobre Medios de comunicación, aprendizaxes dixitais e bibliotecas escolares e Luís González, director Xeral Adxunto da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, quen puxo o peche ás xornadas con Lectura no século XXI e biblioteca escolar.

Destacamos por descoñecida e atractiva para nós a Animación na escola, con Eva Mejuto (Nós tamén creamos) e Rafael Sánchez-Agustino. Especialmente agradable a ponencia de Belén Regueira, xornalista con experiencia en radio e tv,  sobre a Radio dos nativ@s dixitais e moi interesante a experiencia de radio nun instituto, con Marta Pumares.

Grazas a Cristina e Pilar por facer que cada vez medre o interese por todo isto.

09/11/12

Liniers


Esta tira é do artista gráfico arxentino Liniers, que publica no diario arxentino La Nación cousas tan encantadoras coma esta. Se queres máis, podes entrar aquí.