07/04/09

O galego é útil

Nestes días en que estamos á expectativa coa designación das persoas que nos van gobernar nos próximos catro anos, tal vez non estea de máis reproducir aquí o seguinte manifesto que un grupo de galegos elaborou en Londres, que circula pola prensa escrita e a Rede e que nós atopamos no blog Brétemas.

Todos os idiomas valen e para moito.
A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante:
1. O galego facilitounos a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras linguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticais.
2. A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas).
3. No estranxeiro, o feito de falar galego e polo tanto comprender o portugués deunos unha vantaxe competitiva frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa.
Por estas tres razóns prácticas, concluímos, sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non.
Londres, 1 de abril de 2009
Queres asinar o manifesto? Entón envíanos unha mensaxe indicando o teu nome e se podes engade tamén o teu testemuño.


(Eu xa asinei. E ti?)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Por favor, sé respectuoso e comenta con educación.

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.